Noticias
30 de xaneiro de 2012
Alfonso Mera abandona o cargo de preparador físico do Burela FS Masculino

Alfonso Mera presentou a súa dimisión na preparación física do Burela FS Pescados Rubén, da Segunda División Masculina. O burelao, que lle comunicou esta mesma mañá ao club a decisión de abandonar o cargo, continuará con este labor no Burela FS da Primeira División Feminina, compaxinándoo, coma ata agora, coa dirección da ED EON Burela FS.

O burelista agradeceu “a confianza depositada polo adestrador e a directiva no meu traballo e a oportunidade que me brindaron dende o club de continuar con esta tarefa, pero sendo consciente de que se podía chegar a esta situación, a decisión xa estaba tomada dende hai días”. “Considero que a miña responsabilidade no proxecto era a mesma que a de Quique García e por iso creo que a miña desvinculación será o mellor para o equipo” explicou Alfonso Mera, que tamén incidiu en que seguirá “apoiando o vestiario laranxa, aínda que agora dende outra faceta”.

Alfonso Mera leva unido á entidade laranxa dende 2005-06, cando asumiu precisamente a área física do equipo masculino en Prata xunto a Javier Pardeiro. Un ano despois as súas responsabilidades trasladáronse ás categorías de base; dende o nacemento da ED Burela FS, en 2007, o mariñán dirixe a escola laranxa, cargo que na tempada pasada xa compatibilizou coa de preparador físico do cadro sénior feminino.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores