Noticias
12 de abril de 2012
A bomboneira prepárase con ilusión para o duelo ante o líder

O líder e gran candidato á liga de Primeira, Atlético de Madrid Navalcarnero (58 puntos), chega na vixésimo cuarta xornada á bomboneira, para medirse ao Burela FS Pescados Rubén nun duelo de altura ilusionante e que promete moito, sobre todo espectáculo. O partido comezará, o sábado, ás 18.30 horas.

Vista Alegre será testemuña dunha cita con infinitas posibilidades para o xogo bonito, na que medirán as súas forzas dous equipos que atravesan un extraordinario momento, o mellor da tempada.

Como conxunto menos goleado (35 tantos en contra) e enfiando o triunfo nas últimas cinco xornadas, as pupilas de Javier Pardeiro espremerán a potencia burelista para defender a cuarta praza (47 puntos), ás portas do podio co Móstoles na terceira posición, a só 1 punto, e o Ponte Ourense na segunda, a 3. Deberán dedicar especial atención ás individualidades dun rival histórico que está a experimentar en 2011-12 a súa máxima solidez; o Atlético non perde dende o 7 de xaneiro (Femesala Elche 4-2) e nestas 11 xornadas tan só cedeu o empate na casa do Móstoles (3-3). 

Javier Pardeiro poderá contar con todo o vestiario a excepción da coñecida lesión de Lucía. Haydee chegará bastante minguada por unha tendinite rotuliana.

Na primeira volta, a vitoria do Navalcarnero executouse pola mínima (2-1), nunha cita na que as madrileñas se viron obrigadas a remontar a finalización de Peque.

Próxima xornada. O 21 de abril, o Burela FS disputará o último derbi galego da liga 2011-12, coa visita á cancha do Cidade das Burgas (17.00 horas), décimo na clasificación.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores