Noticias
15 de abril de 2012
Fútbol Sala de alta escola e vitoria do Burela que conquista a súa afección

O duelo ante o líder presumíase de altos voos e non decepcionou á numerosa afección laranxa que tivo o privilexio de gozar dunha gran vitoria do seu equipo por 4-2. O Burela Pescados Rubén sumou o seu sexto triunfo consecutivo e cortou a excelente etapa do Atlético Madrid Navalcarnero, nas últimas dez xornadas; dez vitorias e un empate que o sitúan como líder sólido da Primeira División.

A pesar dos seus números e o seu potencial, en Vista Alegre catou a amargura da derrota xa que en fronte tivo un equipo que, probablemente, chega tarde para disputar a conquista do título, cuartas a oito puntos do liderado. Aínda que en cada xornada conquista algo máis importante que a vitoria ou un título; o respecto e admiración da súa afección que finalizou o partido emocionada e recoñecendo o soberbio partido das pupilas de Javier Pardeiro ante un extraordinario rival.

O encontro empezou co Navalcarnero demostrando o seu potencial, levando a iniciativa do xogo e expondo as súas excelentes individualidades, o que propiciou que Natalia, minuto 4, situase o 0-1 no marcador. Durante esta fase inicial do choque o Navalcarnero marcou o paso e tivo ocasións para aumentar a súa renda, que Jozi se encargou anular. Co paso dos minutos foise equilibrando o xogo e o Burela comezou a presentar as súas credenciais ao triunfo.

Comandadas por Peque, soberbio partido da xogadora laranxa, o conxunto burelense logrou empatar o partido aos catorce minutos. Brillante acción de Peque que Rosana cazou ao segundo pau. O empate subiu a voltaxe do choque e animou a un Burela que aumentaba o seu rendemento conforme avanzaba o partido, mentres o Navalcarnero buscaba a tregua do descanso para conservar o empate. O Burela non compartía as intencións madrileñas e Peque foi a encargada de plasmar no electrónico, minuto 18, a ambición e intensidade burelense. Recuperou o balón, desfíxose cun caneo do seu par e soltou un zurdazo cruzado que perforou a meta colchoneira situando o 2-1 e aumentando a implicación de Vista Alegre co seu equipo. Con este marcador chegouse ao merecido descanso para ambos os conxuntos que ofreceron un emocionante primeiro asalto.

No segundo, a loita polo control do xogo era contínua pero comezaba a tinguirse de laranxa cando Priscilla, minuto 24, resolveu con autoridade unha acción na área local para equilibrar o marcador (2-2). A alegría visitante truncouse no minuto 26, nunha acción afortunada para o Burela. Claudia executou un saque de esquina ao corazón da área madrileña e un mal despexe visitante propiciou o 3-2. O tanto sacou a relucir os nervios das madrileñas que optaron polo xogo de cinco, a catorce minutos para o final. Con este argumento esnaquizaran ao Cajasur Córdoba, pero o Burela estaba preparado e respondeu á ofensiva final do líder cunha defensa impecable e unha temperanza que as guiou ao cuarto tanto, de preciosa factura. Maite culminou unha excelente combinación con Cely e Peque como protagonistas na elaboración.

Minuto 29 de partido, 4-2 no marcador e final do debate. O Navalcarnero insistiu na súa aposta pero o último cuarto de partido foi unha demostración laranxa de superioridade física, concentración e intelixencia colectiva tanto na parcela defensiva como ofensiva que anulou o potencial perigo das individualidades visitantes. O Burela Pescados Rubén era dono absoluto do control do partido e ata puido aumentar a súa renda en varias ocasións.

A numerosa afección laranxa acabou entregada ao seu equipo que lle propiciou unha gran tarde de fútbol sala, correspondido pola bancada coreando o seu xogo ante un Navalcarnero que, por momentos, perseguía sombras pola pista e que finalizou o choque entregado a un Burela, outra vez, soberbio e que foi despedido pola súa afección con aplausos cargados de admiración.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores