Noticias
25 de abril de 2012
Haydee participará nas Xornadas do Deporte Academia Imdecum 2012

A burelista Haydee Agras participará como relatora nas Xornadas do Deporte Academia Imdecum 2012, que se estrearán mañá (17.00 horas) no IES Monte Castelo de Burela. A xogadora laranxa, que acompañou o presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna, e o vicedirector do centro, Alfonso Iglesias, no acto de presentación a comezos da semana, falará de técnicas de análise do rival o xoves 3 de maio.

Baixo o título ‘Scouting en ElPozo Murcia FS. Exemplo de análise estatística e edición de vídeo’, Haydee repasará o traballo de investigación que realizaba,  na súa anterior etapa nas filas levantinas, sobre os rivais de ElPozo, de Primeira División Masculina, xunto ao adestrador Eduardo Sao-Thiago Lentz, Duda. Durante o devandito período, a actual xogadora do Burela FS Pescados Rubén licenciouse en Ciencias da Actividade Física e Deporte e cursou un máster en Dirección e Xestión de Entidades Deportivas, na Universidade San Antonio.

O presidente do Comité Galego de Árbitros de Fútbol, José Antonio Pérez Muíño, será o encargado de inaugurar o proxecto de Imdecum mañá. Tras o relatorio de Haydee da vindeira semana, o espírito de superación terá voz propia, nas experiencias relatadas pola ex-deportista paralímpica Hilda Rodríguez o 10 maio. Como colofón, pechará a cita a psicóloga Juana Blanco o día 24. As Xornadas do Deporte están destinadas a alumnado e titulados/as do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas do centro burelao, monitores deportivos e demais profesionais relacionados co deporte, así como a todo o público interesado. 

No ciclo que organiza a Fundación Imdecum tamén colaboran o Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, o Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol, o IES Monte Castelo e o CD Burela FS.

 

[+ información Fundación Imdecum]

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores