Noticias
26 de abril de 2012
O Burela FS cumpre e imponse ao Barcelona B (3-0)

O Burela FS Pescados Rubén cumpriu onte e impúxose ao FC Barcelona B Alusport (3-0), no partido adiantado da 28ª xornada de Segunda. Con esta vitoria dá un paso moi importante para clasificarse para a fase de ascenso a Primeira, a falta de dúas citas para o remate ligueiro.

Coa presenza duns 400 afeccionados/as, os laranxas controlaron o encontro e as ocasións nos primeiros vinte minutos,  aínda que tiveron que armarse de paciencia ata o 16 para adiantarse no marcador, cun lanzamento de Juanma que entrou pola escuadra desde o bordo da área. O propio capitán, en penalti, e Christian, en dobre penalti, non puideron aproveitar para incrementar as distancias.

Tras o descanso, os burelaos volveron gozar de boas chegadas, ante un rival que seguiu apostando por un fútbol sala vistoso, coa defensa adiantada. Iago Barro, moi oportuno, desartellou todas as tentativas dos cataláns. Juanma reapareceu, no minuto 25, para anotar desde uns dez metros. De nada lles serviu aos blaugranas optar polo xogo de cinco nos úlitmos minutos; Iago Míguez sentenciou, tras un roubo de balón, no 37.

Cos deberes feitos e 38 puntos, o Burela FS deberá agardar os resultados da fin de semana co Oxipharma Granada-UMA Antequera e Hospitalet-UA Ceutí cruciais para os obxectivos laranxas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores