Noticias
3 de xullo de 2012
BURELA XA É DE PRIMEIRA

Xa é oficial. Burela xa é de Primeira. O equipo masculino dá o ansiado salto á elite futbolística; así o aprobou esta mesma mañá a xunta directiva da Liga Nacional de Fútbol Sala na composición da categoría para a vindeira tempada. En 2012-13 Vista Alegre será o templo da Primeira División, Masculina e Feminina.

Segundo quixeron transmitir o presidente da entidade, José Ramón González Casas, e o director xeral, José Luis Sáez Castro, “o equipo manterá a liña de traballo, esforzo e dedicación que vén demostrando dende o seu nacemento”. “Comezamos esta nova etapa moi ilusionados, pero tamén cos pés no chan. Somos conscientes da difícil situación que atravesa o país e da realidade da nosa entidade, por iso seguiremos baseando o proxecto laranxa na seriedade, compromiso e austeridade sen fundamentarnos en hipóteses nin especulacións”, explicou José Ramón González Casas.

Os dirixentes burelistas tamén trasladaron o sentimento de orgullo da xunta directiva e do club pola boa nova. “Esta é unha excelente recompensa ao labor de todas as persoas que contribúen día a día a fortalecer a nosa estrutura e un premio para a incondicional afección laranxa. Xa eramos de Primeira, co equipo feminino, pero agora convertémonos no único club de España con dous conxuntos na elite e debemos seguir traballando paseniño por metas máis altas” dixo José Luis Sáez.

“É un ascenso merecido. O Burela FS Pescados Rubén loitou ata o último partido de play off e gañou a súa presenza en Primeira como dereito deportivo, en virtude das directrices marcadas pola LNFS” quixo incidir o presidente laranxa, que tamén adiantou as metas para a estrea na elite: “O noso principal obxectivo é coñecer e adaptarnos á categoría para crear un proxecto que se consolide en Primeira”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores