Noticias
17 de xullo de 2012
Bebeto non seguirá en Burela

O ala-pivote brasileiro Alexandro Ribeiro Cardoso, máis coñecido como Bebeto, non seguirá en Burela a vindeira tempada. O xogador, que rematou contrato co club laranxa en xuño, regresou ao seu país para afrontrar a última fase de recuperación da lesión que o afastou das pistas no mes de febreiro e retomar alí a súa traxectoria futbolística. 

Bebeto chegou ao Pescados Rubén como reforzo no mercado de inverno despois de realizar o primeiro tramo da tempada no Umacon Zaragoza, da Primeira División. Apenas dous meses despois, un desafortunado encontrón en Vista Alegre, durante o enfrontamento ante o Hospitalet, provocoulle unha fractura costal e ferida pulmonar que requiriu unha paulatina recuperación.

A raíz do accidente as prioridades de Bebeto reorientáronse ao regreso ao Brasil. “Xa contactaron comigo un par de equipos, pero agardarei a estar completamente reestablecido para volver facer o que máis me gusta, que é xogar ao fútbol sala”, explicou Bebeto moi recuperado xa. O brasileiro, que agradeceu a boa acollida na vila e no equipo burelista, enviou ánimos dende a súa terra para a próxima tempada: “O soño de chegar a Primeira ao final cumpriuse; seguro que o equipo poderá facer grandes cousas”.

Dende Burela, a entidade deséxalle unha total recuperación a este gran profesional para que poida reincorporarse pronto ás pistas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores