Noticias
6 de agosto de 2012
Aposta mariñá, para a aventura de Daniel Ladra co London United Futsal

O técnico Daniel Ladra pisou solo británico o sábado pasado para tomar as rendas do London United Futsal e converterse no primeiro adestrador español de fútbol sala na liga inglesa. No comezo da aventura, o que fora monitor da ED EON Burela FS apostará pola Mariña, acompañado por varios xogadores da bisbarra.

Dende A Mariña para o mundo, o técnico confirmou a implicación no proxecto da Primeira inglesa de Bruno Girón e Nito, pertencentes ao Superti-A Pontenova en 2011-12 e con formación vinculada ao Puerto Celeiro e Azkar Lugo, respectivamente; Álex, que medrou na base laranxa e militou en conxuntos da bisbarra como Xove FS e o Puerto Celeiro, ademais do Cesuras e Mera FS; e Paulo, canteirán transportista con experiencia en Honra.

A data de incorporación prevista para os aventureiros de pista será o 1 de setembro. Antes, o xa adestrador do London United Futsal internarase de cheo na preparación e planificación do equipo para o comezo ligueiro, ademais de asumir a coordinación das futuras categorías de base.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores