Noticias
21 de agosto de 2012
O Burela FS preséntase rodeado de maxia para a elite (xoves 23, 21.00 horas)

O xoves, 23 de agosto, o CD Burela FS Pescados Rubén presentará en sociedade o proxecto de elite rodeado de maxia, maxia laranxa, nun espectáculo con moitas sorpresas. A casa da cultura de Burela acollerá o acto, no que se darán a coñecer os integrantes dos cadros mariñáns da Primeira División, a partir das 21.00 horas.

Os afeccionados/as terán a oportunidade os/as protagonistas desta nova etapa burelista abandeirados polos seus capitáns/ás, como único club de España con equipo masculino e feminino na máxima categoría do fútbol sala. O acto tamén acollerá a presentación das novas equipacións de Joma para 2012-13 e proxectará unha compilación de imaxes históricas do Burela FS, xunto ao spot da campaña de socios/as 2012-13, Deixa que o espírito laranxa entre en ti!.

Trabada

O equipo masculino abrirá a axenda de enfrontamentos amigables o sábado, 25 de agosto (20.00 horas), como un dos habituais do Memorial Celso Currás de Trabada. Na oitava edición da cita estival, o Burela FS medirase ao Santiago Futsal, adiantándose a un dos derbis galegos dos que se poderá gozar na Primeira División 2012-13. O cadro laranxa estrearase fronte a un conxunto sólido da elite que xa disputou nesta pretempada dous amigables, con empate (4-4) ante un combinado da Asociación Galega de Xogadores de Fútbol Sala (Arteixo) e vitoria (6-3) sobre o Modicus Sandim, terceiro na liga portuguesa (Betanzos). A entrada para o encontro, que terá lugar no municipal trabadense, custará 5 euros (para os menores de 12 anos será gratuíto).

Ribadeo e Ourense

As pupilas de Pardeiro desprazaranse mañá, mércores, ás beiras do Eo para facerlle unha visita (20.15 horas) ao Ribadeo FSF, club de Autonómica co que a entidade laranxa mantén un convenio de colaboración dende hai anos. O venres, o Cidade das Burgas, tamén da Primeira División, recibirá o Burela FS en Ourense (20.15 horas).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores