Noticias
22 de agosto de 2012
Presentación do VIII Memorial Celso Currás (sábado 25, 20.00)

O Concello de Trabada acolleu esta mañá a presentación do VIII Memorial Celso Currás, que enfrontará o vindeiro sábado o Burela FS Pescados Rubén co Santiago Futsal, antigo Autos Lobelle. O director deportivo da entidade laranxa, Marcelo Santoro, participou no acto xunto ao alcalde trabadense, José Manuel Yanes, o xefe de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, e o responsable da empresa coordinadora Oxem Sports, Diego Villalba.

O partido entre composteláns e burelistas arrincará ás 20.00 horas, no municipal de Trabada. O prezo da entrada será de 5 euros, agás para os menores de 12 anos, que terán acceso gratuíto á cita.

Este será o debut de pretempada para os pupilos de Julio Delgado, nunha escuadra na que repiten Juanma, André, Iago Míguez, Christian e Iago Barro, volven o sólido Edu baixo os paus e a visión goleadora de Dani Martín e estréanse de laranxa Mimi (Triman Navarra), Hugo (Marfil Santa Coloma) e Nacho Pedraza (Puertollano). Outra das caras novas, Enrique Cánovas (ElPozo), inmerso co combinado español no Campionato Mundial Universitario Braga 2012, reincorporarase á pretempada laranxa o día 26. 

Automoción La Junquera

Tras a estrea en Trabada, o Burela FS quedará na Mariña para disputar o seu segundo encontro de preparación. Será o luns 27, no pavillón da Veiga en San Cibrao (20.30), e terá como rival o Automoción La Junquera pontevedrés, da Segunda División B.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores