Noticias
24 de agosto de 2012
Espectáculo de ilusión e humor para a posta de gala do Burela FS

O Burela FS Pescados Rubén, da Primeira División Feminina e Masculina, presentou o proxecto 2012-13 onte, no undécimo aniversario da entidade, envolto polo ilusionismo e humor do espectáculo conducido polo Mago Senín. O público congregado na casa da cultura da localidade tivo a oportunidade de coñecer os cadros feminino e masculino que pelexarán na máxima categoría, nun acto que abriron a proxección audiovisual laranxa Empezamos? e o spot da nova campaña de socios/as da entidade, Deixa que o espírito laranxa entre en ti!


O cadro que dirixirá un ano máis Javier Pardeiro presentou como novidade as incorporacións da porteira coruñesa Patricia Otero e de Daniela Domingues, ambas ex do Cajasur. Tamén se presentou ao público a volta de Lara Balseiro á disciplina laranxa.

Pola escuadra masculina, centraron a atención dos afeccionados/as que se deron cita no auditorio municipal as novas fichaxes de Hugo, Mimi e Nacho Pedraza e o regreso de Edu e Dani Martín. Outra das caras novas do Burela FS nesta etapa, Enrique Cánovas, perdeu o acto, ao estar inmerso no Mundial Universitario de Braga, con España.

Neste primeiro acto de 2012-13, os membros de ambos os conxuntos presentaron, entre diferentes números de maxia, a indumentaria de Joma que lucirá o Burela FS Pescados Rubén no novo exercicio, tanto as equipacións oficiais de xogo coma a roupa de adestramento e de paseo.

Os capitáns Juanma e Dolo e o presidente do club, José Ramón González Casas, puxeron o broche á presentación animando os alí presentes para que Vista Alegre e a súa afección sigan sendo o sinal de identidade do espírito laranxa nesta tempada histórica para o deporte mariñán. Nunha noite de ilusión, o Mariskal invocou “a maxia laranxa para que os dous equipos acaden unha boa tempada con traballo, esforzo e ganas”. A este propósito tamén se uniu Dolo, que cualificou o apoio de Vista Alegre de “verdadeiro luxo” e prometeu “dedicación total e absoluta para que o Burela FS poida saborear algún título este ano”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores