Noticias
25 de agosto de 2012
Cervo e a entidade laranxa presentan o BFS-Automoción La Junquera (San Cibrao, luns 27)

O pavillón da Veiga de San Cibrao acollerá o segundo amigable de pretempada do CD Burela FS Pescados Rubén; será o vindeiro luns, 27 de agosto (20.30 horas), ante o Automoción La Junquera pontevedrés, de Segunda B, como rival. O presidente da entidade laranxa, José Ramón González Casas, desprazouse ata o municipio veciño de Cervo para presentar xunto ao alcalde, Alfonso Villares, o partido.

José Ramón González Casas agradeceu “o compromiso do Concello cervense co proxecto burelista e a súa aposta pola difusión do fútbol sala”, ademais de recoñecer que “é un verdadeiro privilexio para os nosos equipos poder dispoñer de instalacións deportivas de calidade na comarca, coma as deste municipio”.

Alfonso Villares convidou “á veciñanza, en especial á mocidade, a acudir ao pavillón da Veiga para gozar dun partido que tamén poderá animar a moitos rapaces e rapazas a iniciarse na práctica desta disciplina deportiva”. “Esta é unha oportunidade para os cervenses, que poderán presenciar o bo xogo dun equipo veciño que está na Primeira División do fútbol sala” engadiu o rexedor.

O Concello de Cervo e o CD Burela FS Pescados Rubén manteñen unha nutrida e estable colaboración dende hai anos. No marco de actuación do convenio que une ambas as dúas partes, o alumnado e profesorado da escola de Cervo poden gozar de xornadas de convivencia e amigables cos membros do CD Burela FS, ademais de recibir pases especiais para presenciar os encontros laranxas e acceder a descontos nas actividades programadas dende o club, como o Campus Mixto Internacional.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores