Noticias
6 de setembro de 2012
O Burela FS supera a primeira proba da Copa, sobre o Amarelle (6-2)

O Burela FS Pescados Rubén amosou onte serenidade e dominio na primeira proba da XXII Copa Galicia, cun claro triunfo sobre o Viaxes Amarelle (6-2).

Xa nos primeiros compases, Lidia e Dolo aproveitaron as oportunidades da escuadra para tomar vantaxe con 2-0, con tan só tres minutos de xogo. O 3-0 tivo a sinatura de Dany, tras un roubo e contundente disparo afastado que entrou pola escuadra.

Cunha defensa en media pista e buscando a contra, o Amarelle mantivo a tónica tras o descanso. Peque conseguiu ampliar as distancias, no minuto 31, nun lanzamento que enganou a meta rival. No entanto, as coruñesas intentaron non desaparecer do partido, cun remate de Monchi (minuto 33, 4-1), pero volveu facer acto de presenza Dany, e por partida dobre (35 e 37), primeiro aproveitando un saque de banda de Dolo e despois superando a porteira tras un pase en profundidade, para subir o 6-1. A escasos 15 segundos para o final, Monchi adornou o resultado, cun disparo ao bordo da área (6-2).

O Valdetires Ferrol FSF, de Segunda, será o segundo e último test das laranxas na fase de grupos copeira, o sábado, no pavillón da Malata, a partir das 16.30 horas.


Ficha técnica

Burela FS Pescados Rubén: Patri, Lidia, Dolo, Peque e Lucía, no quinteto inicial; tamén xogaron Lara, Maite, Dany, Paula, Silvia e Jozi

Viaxes Amarelle FSF: Leti, Monchi, Rebeca, Patri e Lucía, no quinteto inicial; tamén xogaron María Gómez, Sara, Lucía, Sheila, María Pérez e Anabel

Goles: 1-0, minuto 2, Lidia; 2-0, minuto 3, Dolo; 3-0, minuto 13, Dany; 4-0, minuto 31, Peque; 4-1, minuto 33, Monchi; 5-1, minuto 35, Dany; 6-1, minuto 37, Dany; 6-2, minuto 39, Monchi

Árbitros: José Manuel Gómez Arias e Ismael Gómez Vila, da delegación de Lugo (FGFS).

Incidencias: Partido correspondente á fase de grupos da XXII Copa Galicia Feminina. O encontro foi trasladado dende o pavillón da Veiga, en San Cibrao, ao de Vista Alegre, en Burela, debido á condensación da pista. Comezou, ás 21.00 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores