Noticias
30 de setembro de 2012
O equipo laranxa queda a un palmo da vitoria ante Triman (2-3)

O equipo laranxa caeu (2-3) no seu feudo ante un ordenado Triman Navarra que aproveitou as súas oportunidades e de paso tirou de fortuna ao recoller un erro de Cánovas xogando como porteiro xogador que significou o terceiro na conta navarra. O adestrador burelao, Julio Delgado cualificou o resultado do duelo de “tremendamente inxusto” e lamentou “non dispor dun maior acerto en certos momentos, aínda que en xeral teño que felicitar o meu equipo”. Pola súa banda, Arregui eloxiou a bancada: “Vista Alegre é espectacular” e advertiu que “puido gañar calquera. O partido estivo moi igualado ata o último momento, cando eles cometeron ese pequeno erro”.

Vista Alegre vestiuse de gala para recibir o seu segundo partido na máxima categoría. Preto de 1.300 espectadores encheron o pavillón mariñán. Recibiu o primeiro o equipo local sen apenas tempo para colocarse nos asentos (0-1. Minuto 1) logo dun fallo defensivo laranxa que aproveitou Carlitos á perfección. O Burela FS Pescados Rubén non se veu abaixo e apertou con acerto, apoiado por unha bancada que animou constantemente os seus. Tras varias ocasións, foi Mimi o que puxo a igualada no electrónico (1-1. Minuto 12), pero Rafa Usín volveu adiantar a Triman tras a continuación (1-2. Minuto 22). A insistencia dos laranxas obtivo os seus froitos no minuto 30 da man de Dani Martín (2-2) e logo de ocasións sucesivas duns e outros.

O choque igualouse a medida que o tempo chegaba ao seu fin. Dani Martín tívoa nun par de ocasións. Julio Delgado apostou entón por utilizar xogo de cinco e Enrique Cánovas perdeu o balón nun lance desafortunado que deixaba só a porta baleira a Ximbinha, que non fallou e puxo o definitivo 2-3 no marcador.

Ficha do partido
CD Burela FS Pescados Rubén
: Edu, Mimi, André, Iago Míguez e Hugo. Tamén xogaron: Nacho Pedraza, Enrique Cánovas, Dani Martín e Christian
Triman Navarra: Asier, Javi Eseverri, Jesulito, Roberto Martil e Carlitos. Tamén xogaron: Araça, Iván, Jonathan Vilches, Rafa Usín e Ximbinha

Goles: 0-1 (minuto 1) Carlitos, 1-1 (minuto 12) Mimi, 1-2 (minuto 22) Rafa Usín, 2-2 (minuto 30) Dani Martín e 2-3 (minuto 39) Ximbinha.

Cartóns: Mimi, Javi Eseverri, Rafa Usín e Dani Martín.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores