Noticias
5 de outubro de 2012
Duelo de imbatibilidades entre o Diamante e o Burela FS

Vista Alegre acollerá este sábado un emocionante duelo de imbatibilidades na Primeira División Feminina, entre o Diamante Logroño e Burela FS Pescados Rubén. O cadro mariñán medirase a partir das 18.30 horas ao líder da clasificación (9 puntos), que chega á comarca en plenitude de condicións físicas, aínda que co pesar anímico da recente perda de Bárbara Blanco, xogadora vinculada á entidade rioxana que faleceu a semana pasada despois dunha longa enfermidade. Antes do asubío inicial, a Bomboneira gardará un minuto de silencio na memoria da novísima deportista diamantina.



O equipo burelista recupera para a gran cita a Lidia Mesías, que aterrou onte na preparación laranxa, dende a concentración coa Selección Española para o III Torneo Mundial Feminino (Portugal, decembro de 2012). “Volvo contenta non, contentísima. Para calquera xogadora é un premio que a selección se interese, para min xa é a segunda vez que me regalan este privilexio. Tivemos unha semana de adestramentos moi intensos, pero todo merece a pena tan só polo soño e a esperanza de estar algún día entre as mellores xogadoras de España. Isto achégame ilusión e confianza para seguir traballando” confesou a ferrolá, eufórica.



A burelista destacou a dificultade do Diamante Logroño, polo seu xogo correúdo: “Espéranos un rival en media cancha que recorrerá repetidamente ao contraataque, pero temos que ter calma para abrir as súas liñas e ir facéndonos co partido” dixo Lidia Mesías, que animou a afección laranxa a acudir o sábado a Vista Alegre porque “o seu apoio sempre nos axuda moitísimo”.



Javier Pardeiro disporá de todos os efectivos, coa dúbida de Haydee, que continúa minguada por unha tendinite rotuliana.




De novo, Vista Alegre



O espectáculo de Primeira non se afastará a próxima semana da Mariña. As laranxas repetirán como locais, na 5ª xornada, co desembarco en Vista Alegre do Soto del Real, adversario que inaugurou a liga co descanso e aínda non puido puntuar (Orvina 2-4, Gironella 3-2). Será o sábado 13, coma de costume, ás 18.30 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores