Noticias
6 de outubro de 2012
Un mal inicio laranxa propicia a Vitoria do Umacón Zaragoza
O Burela Pescados Rubén hipotecou as opcións de estrear a súa marcadora de puntos na máxima categoría tras unha posta en escena desafortunada. Por contra, o Umacón Zaragoza saltou á pista moi enchufado e con gran acerto na definición. Aos cinco minutos de xogo os maños vencían por un claro 3-0.

O duro golpe recibido minou a ilusión laranxa durante uns instantes, pero os pupilos de Julio Delgado lograron reaccionar e comezaron a crear perigo na meta local. Cánovas tivo nas súas botas un par de ocasións para meter ao seu equipo no partido, un disparo estrelouse no lateral da rede e outro atopou a madeira zaragocista. Ao descanso chegouse con 3-0 no electrónico.

Na segunda parte, o Burela Pescados Rubén levou o dominio do xogo ante un Umacón Zaragoza que administraba a súa renda. Os intentos laranxa por recortar a desvantaxe resultaron infrutuosos e nunha acción de estratexia, minuto 27, os maños lograban o cuarto por mediación de Duato. A resposta mariñá chegou a través de Mimi, cun disparo cruzado, e unha acción de Iago Míguez que Arturo desbaratou mostrando a súa axilidade baixo paus. A dez para o final, Julio Delgado apostou polo xogo de cinco e no tramo final do encontro chegou o primeiro tanto para os burelenses. Enrique Cánovas marcou o 4-1, preludio dun último minuto de partido trepidante e con intercambio de golpes. Cánovas fixo dobrete co 4-2, respondido por Chicho para situar o 5-2 e Nacho Pedraza, case a par da bucina, estableceu o 5-3 definitivo.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores