Noticias
6 de outubro de 2012
Terceira vitoria consecutiva e acceso ao liderado
O Burela Pescados Rubén enlaza a súa terceira vitoria consecutiva ao imporse ao Diamante Rioxa por 1-0. Con este resultado, o conxunto dirixido por Javier Pardeiro sitúase no grupo que encabeza a clasificación da Primeira División. Orvina, Alcorcón e Atlético de Madrid comparten co equipo mariñán o liderado.
A escuadra burelense superou a un Diamante Rioxa que demostrou que o seu bo inicio ligueiro non é casualidade. As rioxanas mostráronse como un equipo sólido, competitivo e perigoso en ataque, aínda que o seu potencial ofensivo foi minimizado pola presión e o rigor defensivo local. Desde o asubío inicial a intensidade foi máxima en ambos os contendentes, sendo o equilibrio a tónica nun primeiro período con escasas ocasións. Ao descanso chegouse co empate inicial.

No segundo asalto, o Burela saíu con determinación para derrubar o ferrollo rioxano que saltou polo aire co gol de Peque. A xogadora burelense aproveitou un rexeite de Lala, tras disparo de Maite, para situar o 1-0 no marcador, minuto 26. A raíz do gol, o Burela dispuxo de varias oportunidades para aumentar a súa renda pero Lala logrou manter ao seu equipo no partido. Nunha emocionante recta final, o Diamante Rioxa optou polo xogo de cinco, minuto 37, que o Burela neutralizou con suficiencia e ata puido aumentar a súa renda nun par de ocasións de Maite. Non se moveu o marcador. O Burela Pescados Rubén sumou tres importantes puntos, superando a un bo rival e sobrepóndose á ausencia por lesión da súa goleadora Dany.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores