Noticias
16 de outubro de 2012
Ribadeo FSF 3-7 O Montiño Concello de Mos

O actual subcampión de Autonómica, O Montiño Concello de Mos, deixou bo sinal de que tamén esta tempada pretende aspirar ao título de campión, impóndose a domicilio ao Ribadeo FSF (3-7). As pontevedresas, que deberían xogar como locais nesta xornada, solicitaron o cambio de pista a última hora por coincidencias cos partidos da Copa Galicia, na que tamén participa o equipo de Mos.


Pouco tempo necesitaron as visitantes para demostrar a súa potente pegada, que desde o inicio se afanaron sobre a portería de Antía. Aos 2 minutos Marga conseguiu o 0-1, ao rematar un saque de esquina. Con este gol en contra, as mariñás estiraron as súas liñas e crearon ocasións para darlle a volta ao marcador, situacións que a meta rival, Aldana, desbaratou. No minuto 11 Melisa Oya, de tiro afastado a saque de banda, subiu o 0-2. Tres minutos máis tarde Marga materializou o 0-3. Insistían as ribadenses en acurtar distancias, o que conseguiu Ana ao bater a Aldana de tiro raso, pondo o 1-3. O Ribadeo intentaba reaccionar, pero o partido escapábaselle das mans no último minuto desta primeira metade cando encaixou dous novos goles, ambos obra de Vanesa, que puxo o 1-5 para marchar ao descanso.


Na continuación as locais intentaron de novo meterse no partido, pero foron as visitantes quen aumentaron aínda máis a diferenza con goles de Vanesa e María Jardón. A pesar da ampla desvantaxe no luminoso, as de Martínez seguiron loitando ata o final; Elvira reduciu as distancias con dous goles de bela factura, deixando o 3-7 definitivo.


O Concello de Guntín será o próximo rival das mariñás o sábado (19.00 horas), de novo no Polideportivo de Ribadeo.


Ficha técnica


Ribadeo FS: Antía, Ana, Toñi, Elvira e Helena, cinco inicial; tamén xogaron Eva, Sabela, Yoli e Vanessa.


O Montiño Concello de Mos FSF: Aldana, Sara, Vanesa, Melisa Lago e Melisa Oya, cinco inicial; tamén xogaron Mª. del Carmen, María Jardón, Marga e Rocío.


Árbitros: David Castro Bermúdez e Melisa Saa Mateo, da delegación de Lugo. Mostraron cartón amarelo a Toñi e Sabela polo Ribadeo FS e a Sara polas visitantes.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores