Noticias
19 de outubro de 2012
Duelo galego de contrastes, Viaxes Amarelle FSF-Burela FS Pescados Rubén

O Burela FS Pescados Rubén ultima os detalles para un novo duelo galego. O pavillón coruñés da Sagrada Familia (18.00 horas) acollerá o encontro ante o novel Viaxes Amarelle FSF, un derbi de contrastes, entre o farol vermello das locais e o coliderado das laranxas.


A dinámica positiva das mariñás, con catro triunfos consecutivos, bate coa cuadrícula baleira das herculinas, despois estrearse na Primeira División cun complicadísimo inicio de calendario, Atlético de Madrid (7-0), Orvina (9-1), Gironella (0-6) e Ponte Ourense (6-2), ademais da xornada de descanso.


Sen dúbida, poderá vivirse un encontro moi intenso, con grande ambiente na bancada apoiando as dúas escuadras, no que o Burela FS ten as cousas moi claras: imporá un ritmo forte para incidir na angustia pola que está atravesando o seu rival. A única ausencia do Pescados Rubén será Haydee; no vestiario do Amarelle será dúbida Lucía Rosado, por sobrecarga.


O último duelo entre coruñesas e mariñás foi en setembro na fase de grupos da XXII Copa Galicia, con vitoria para as de Pardeiro (6-2).


Un día en rosa, 19 de outubro


O conxunto laranxa tivo a honra de conmemorar o Día Internacional contra o Cancro de Mama esta mañá apoiando a asociación burelá Esperanza. Xunto á presidenta do colectivo, Dulce Remigio, e varias das súas representantes, as xogadoras Dolo, Maite, Lidia e Patricia participaron na campaña ‘Un día en rosa’; colaboraron nas mesas informativas colocadas na praza do Concello e no Hospital da Costa repartindo centos de lazos rosas para concienciar a poboación sobre a enfermidade e recadando fondos destinados ao Grupo Español de Investigación de Cancro de Mama.  O coordinador da Unidade de Mama do Hospital Universitario de Lugo, Manuel Vázquez Caruncho, puxo o peche á iniciativa cunha conferencia no centro de saúde da vila, ‘Cancro de mama: novidades terapéuticas, prevención e expectativas de futuro”.


A asociación Esperanza está integrada por máis de douscentos membros e entre as súas actividades diferentes cursos (pilates, bordado…), organizan excursións e colaboran co mercado benéfico de Nadal do colectivo burelao Vagalume.


As persoas que desexen colaborar co colectivo poden poñerse en contacto con ela chamando ao 617 69 91 64 ou enviando un correo a asociacionesperanzaburela@gmail.com.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores