Noticias
25 de outubro de 2012
O Burela B, con desconfianza na casa do Bueu

O Burela FS Pescados Rubén B visita o sábado o ADFS Bueu, rival que vén de empatar na casa do líder, O Esteo (2-2), facéndolle perder os seus primeiros puntos. A sétima xornada de Terceira División arrincará no municipal da localidade pontevedresa, ás 16.45 horas. “Non podemos confiarnos. Co Esteo foi capaz de dar a sorpresa a domicilio e na súa pista será aínda máis difícil” advertiu o laranxa Diego Blanco Jorge, máis coñecido como ‘Keko’.


O cadro mariñán chega avantaxando en dous puntos ao Bueu e coa moral alta tras volver ao camiño do triunfo coa vitoria en derbi comarcal (4-3): “O resultado e o emocionante duelo ante o Cidade de Viveiro deixounos moi motivados. Traballamos con máis ganas aínda durante toda a semana para facernos cos tres puntos en Bueu e seguir sumando”, dixo o burelista, que xa tivo sobre os seus ombros a capitanía xuvenil e en 2012-13 estase revelando como unha das grandes referencias ofensivas do conxunto de Iván Cao ‘Lucas’.


Keko, segundo na lista de pichichis laranxas con 5 tantos por detrás de Fabio (8), amosouse moi orgulloso, e un pouco abraiado, da fortuna goleadora que está experimentando neste inicio ligueiro, unha faceta que o equipo está traballando para perfeccionar: “Non estou acostumado a ser moi goleador, pero é unha sorpresa agradable porque todos os goles son importantes para o equipo, pero máis aínda tendo en conta que xeramos moitas ocasións con escasa porcentaxe de acerto. Para pulir ese obstáculo estamos realizando traballo específico durante a semana” puntualizou o deportista.


Para o sábado, o gran reto dos laranxas será ademais a resposta de efectivos. Lucas desprazarase con varios xogadores entre algodóns; ás dúbidas de Fabio e Antón, que arrastran molestias, sumarase a do propio Keko, cunha inflamación no xeonllo dende o sábado pasado que lle impediu adestrar con normalidade estes días.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores