Noticias
2 de novembro de 2012
Complicado desprazamento á cancha alacantina
Último adestramento da semana, en Alacante

O Burela FS Pescados Rubén pelexará por conservar a praza de honra no difícil desprazamento á cancha do UA Alicante; a oitava xornada de Primeira dará comezo mañá ás 19.00 no pavillón universitario da cidade levantina. “É o partido máis complicado ata o momento no calendario, non só pola configuración do equipo, senón tamén pola pista, unha superificie gomosa que pode frear enormemente o noso xogo”, explicou a porteira laranxa Patricia Otero, que, non obstante, tamén deixou ver o seu optimismo con respecto ás posibilidades laranxas: “Se estamos ao cento por cento podemos manter o liderado”.


A meta coruñesa, que se presentou en Vista Alegre na goleada ante o Móstoles tras o seu debut ligueiro fronte ao Viaxes Amarelle, amosouse “moi tranquila e a gusto sobre a pista”. “A situación dunha porteira sempre é máis complexa, non hai as mesmas rotacións e hai que aproveitar todas as oportunidades ao máximo. A confianza do adestrador é de agradecer. No primeiro tramo tampouco estaba en plenitude de facultades, por molestias dunha lesión antiga, pero agora xa estou perfectamente e o importante e ir collendo minutos e seguir traballando día a día” dixo con ilusión Patri.


O UA, cun cadro amplo e de calidade chamado a acabar nos postos altos, ten moitas esperanzas depositadas na cita ante o líder. Segundo expresou a entidade alacantina, “o partido ten todos os alicientes para converterse en todo un espectáculo, no que ambos os conxuntos apostan por un fútbol sala sen especular”. A única preocupación no vestiario valenciano son as lesións, xa que ao parecer o cadro contará con “con varias y serias dúbidas para poder chegar en condicións á cita”.  O rival das burelistas chega con 8 puntos e vén de impoñerse ao Ponte Ourense (2-5).


A expedición laranxa, pola súa banda, viaxou a terras levantinas sen ausencias, a excepción de Haydee, que mantén repouso tras a recente intervención do seu xeonllo dereito, por unha tendinite rotuliana.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores