Noticias
24 de novembro de 2012
Derrota (1-2) con sabor a vitoria ante o todopoderoso Inter Movistar

Despediuse Vista Alegre dos seus xogadores cunha ovación en toda regra a pesar da derrota (1-2) ante Inter. Os de Xullo Delgado fixeron un partido inmenso en defensa, especialmente Iago Barro que parou de todo e por todos lados, e tiveron ata tres dobres penaltis ao seu favor para terminar cedendo ante a calidade de Betao, que fixo o dobrete visitante.


O Burela FS Pescados Rubén continúa sen puntuar, pero o sabor de boca deixado esta noite ante Inter é inmellorable. Os laranxas souberon defender sen apenas erros e aproveitaron ben as súas chegadas á contra para crear perigo, aínda que a fortuna volveu ser esquiva. O adestrador Visitante, Jesús Velasco, eloxiou aos mariñanos e animounos a seguir nesta liña: “deben incidir na súa actitude, que foi moi boa. Se xogan así, sen complexos, competirán como calquera. A súa Liga é a mesma que a de todos e poden gañarlle a todos os equipos”. Para o adestrador local, Julio Delgado, as sensacións eran agridoces, xa que “foi unha pena. Non soubemos rematar a un equipo como Inter logo de ter tres dobres penaltis ao noso favor. Quédome co aplauso final do público aos seus xogadores e a actitude de sacrificio demostrada durante os corenta minutos”.


Empezou anotando o Inter no minuto 5 por mediación de Betao pero Dani Martín deu a igualada ao Pescados Rubén logo dun excelente disparo desde fóra da área. A segunda parte foi igualada, cun Movistar envorcado na meta laranxa que sufría as acometidas á contra dos de Julio Delgado. O Burela FS dispuxo nos últimos minutos de tres disparos mercé a cadanseu dobre penalti, pero non tiveron acerto Nacho Pedraza, Christian nin Dani Martín. O gol final, con porteiro xogador, de Betao (1-2) foi respondido coa mesma táctica de cinco por parte local, pero non tivo resultado. Gran entrada en Vista Alegre, con cheo ata a bandeira e un público entregado que ovacionou aos xogadores desde segundos antes do asubío final.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores