Noticias
30 de novembro de 2012
Derbi mariñán, ante o Superti, co regreso de Brais á portería laranxa (sábado 1, 16.00 horas)

O Burela FS Pescados Rubén B e Vista Alegre vivirán o segundo derbi mariñán da Terceira División, na 12ª xornada. Os pupilos de Iván Cao, Lucas, recibirán o sólido Superti Rececende o sábado (16.00 horas), co regreso do gardameta Brais García ás filas laranxas, procedente do desaparecido Automoción La Junquera, de Segunda B.


Lucas advirte certas complicacións no duelo comarcal non só pola entidade do rival senón tamén polas baixas no vestiario burelista: “É unha cita que preparamos con moita ilusión, pero non será nada doado. Teremos que estar concentrados para dar a cara ante un rival consolidado da categoría, habitual da zona alta. Aínda que poderemos contar co reforzo e experiencia de Brais, notarase a ausencia de Antón, Fabio e Erik, convocados por Julio para os compromisos de Primeira”.


Os laranxas afrontan o duelo comarcal na undécima praza, con 15 puntos. Deberán botar man da súa fortaleza como locais para desarmar ao segundo clasificado (21), que buscará volver á senda da vitoria tras a súa segunda derrota da tempada, fronte ao Esteo (2-4).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores