Noticias
6 de decembro de 2012
Os penaltis frearon a ilusión copeira para as laranxas

O Burela FS Pescados Rubén despediuse este mediodía da XXII Copa Galicia, nas semifinais fronte ao Cidade das Burgas. Tras o tempo regulamentario con empate 2-2, a lotería dos penaltis converteuse nun muro infranqueable para as pupilas de Javier Pardeiro.


O cadro mariñán  enfocou todo o encontro “con ilusión pero tamén coa precaución de garantir a saúde do vestiario”, segundo expresou o técnico. “Xeramos moitas ocasións, pero non estivemos acertadas; talvez non amosamos a intensidade dos últimos partidos, en liga, e iso condicionounos en exceso” analizou Pardeiro.


As Burgas puido poñerse por diante no marcador, xa no minuto 7, grazas a María Arias, mentres a escuadra laranxa bateu durante todo o primeiro período con tentativas infrutuosas. Tras o descanso, o despregamento do Burela FS perfeccionouse en afinación; aos dous minutos, Lucía subiu a igualada, pero axiña apareceu Peke para adiantarse de novo (23). Co paso dos minutos, a escaseza de efectivos, coa ausencia das internacionais laranxas, deteriorou o xogo burelista; aínda que conseguiu restablecerse levemente a falta de 6 minutos, cun golazo da pichichi, Dany, a bucina final soou sen alterar o luminoso, con 2-2.


A quenda de penaltis decantouse para as ourensás, 4-3. Comezou Lidia para as burelistas, coa oportuna aparición da meta rival; tras os goles de Peke e Lucía, Patri desbaratou a tentativa de María Romero, pero Lara tampouco puido materializar o seu lanzamento. Polas Burgas, Sonia, Iria e Figo, e polo Burela FS, Dolo e Dany, cumpriron o obxectivo.


A Copa Galicia 2012 decidirase cunha final ourensá, entre o Cidade das Burgas e o Ponte Ourense, que venceu esta mañá ao Leis Pontevedra (0-3).


Ficha técnica


Cidade das Burgas: Ana, Peke, María Romero, Sonia e Iria, no cinco inicial; tamén xogaron Figo, María Arias, Nati e Nerea


Burela FS Pescados Rubén: Patri, Lucía, Dolo, Lara e Dany, no cinco inicial; Lidia, Paula, Maite e Silvia


Goles: 1-0, minuto 7, María Arias; 1-1, minuto 22, Lucía; 2-1, minuto 23, Peke; 2-2, minuto 34, Dany


Penaltis: Lidia (parada), Peke, Lucía, María Romero (parada), Lara (parada), Sonia, Dolo, Iria, Dany e Figo


Árbitros: Efrén Álvarez López, de Lugo, e Juan González Lubián, de Pontevedra. Amarela para Dany, no 19, e Sonia, no 37.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores