Noticias
14 de decembro de 2012
Juanma regresa á convocatoria laranxa para a cita en Navarra

A capitanía laranxa xa está de volta. Despois dunha semana da reincorporación de Edu, Juanma Marrube regresa á convocatoria laranxa para a última cita a domicilio dos mariñáns de 2012, fronte ao Ríos Renovables Ribera Navarra. O Mariskal entra na lista de Julio Delgado, acurtando notablemente os prazos de recuperación, despois de estar afastado dous meses, pola intervención dunha hernia discal. A 9ª xornada de Primeira resolverase no Ciudad de Tudela, o sábado, a partir das 18.30 horas. "É unha pista complicada onde a afección anima constantemente pero no nos preocupa, é un escenario onde sempre gusta xogar. O noso obxectivo non é outro que conseguir os tres puntos, o fundamental é volver cun resultado positivo" aseguraba o técnico, Julio Delgado.


O Burela FS Pescados Rubén intentará darlle continuidade á recente apertura da cuadrícula (Gáldar 2-2) ante o noveno clasificado, cos dous capitáns xa en activo, aínda que non poderá contar con Nacho Pedraza, que sufriu unha lesión de abdutor pola que se tivo que retirar ante os canarios; tamén forman parte da expedición os prometedores Fabio e Keko. “Estou preparado para o que decida o adestrador; na última revisión o doutor Fantini deume a alta con todas as garantías para reincorporarme. Volvo con moitas ganas, pero sen precipitarme. Despois de 20 días de minipretempada, o corpo xa me pide saltar á pista” admitiu Juanma.


O cadro mariñán pelexará pola súa primeira vitoria fronte a un rival que seguramente o recibirá moi motivado para regresar aos bos resultados, tras as derrotas ante Marfil (6-2), Triman (3-4) e Zaragoza (5-2), e despedir o ano cun sorriso ante a súa afección "Imos con moitas ganas de xogar este partido e conseguir a vitoria que se nos escapou ante o Gáldar. Temos que revalorizar o punto conseguido ante los canarios; este é o comezo. O equipo está mentalizado para o desafío navarro, aínda que somos conscientes da dificultade da pista” así transmitiu Julio Delgado o sentimento do banco burelista.


No vestiario local non estará José Lucas Mena, Pato, por sanción; o adestrador navarro cumprirá o primeiro dos dous partidos de amoestación tras o encontro fronte ao Zaragoza.


O Burela FS recibirá o Nadal e despedirá 2012 en Vista Alegre cun trepidante duelo, ante o Santiago Futsal, previsto inicialmente o sábado 22, ás 18.30 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores