Noticias
17 de decembro de 2012
A fortuna alíase coa meta madrileña e frea o envite burelista (3-1)

O Burela FS Pescados Rubén concedeu a súa primeira derrota do curso, tras caer ante unha das revelacións da tempada, o Ciudad de Alcorcón, nun partido no que as laranxas puxeron o xogo, con incontables ocasións erradas, e as madrileñas o acerto. Tras o 3-1 da xornada dominical, o liderado volve rifarse entre o Atlético de Madrid, que xa gozou do descanso da primeira volta, e o cadro de Javier Pardeiro, con 29 puntos.


O conxunto mariñán fixo boa presión inicial para dominar o comezo do partido e adiantarse xa no primeiro minuto por mediación de Lucía Nespereira, despois dunha falta directa que tocaba nunha xogadora da barreira e desviaba a traxectoria do balón. O gol permitíalles ás burelás controlar o curso do enfrontamento, ante un ben posicionado Alcorcón que intentaba obstaculizar as rápidas incursións polas alas do Burela FS, que asediaba a portería local.  Así, Dolo e Peque avisaban con disparos de media distancia. A meta local, Eva, convertíase en protagonista do encontro con repetidas paradas que impedían que o Burela FS abrira a fenda no luminoso. Desta forma chegou ao final dun esixente primeiro tempo con escasa renda visitante.


Ao pouco do reinicio, Lara nun tiro escorado cara á ala dereita igualaba a loita. O Burela afanábase de novo sobre a portería madrileña, pero, unhas veces pola falta de acerto e outras porque os paus rexeitaban os seus intentos, non conseguía inverter o marcador. A rapidez do xogo e a esixencia física comezaron a minguar as expectativas lucenses que ademais vían como a tres minutos do final Sandra facía o 2-1 tras un roubo á saída dun saque de banda. Javier Pardeiro optaba por situar a Dolo como porteira xogadora nun final de infarto. A escasos segundos do final do choque chegaría a sentenza co terceiro tanto local, obra de novo de Sandra, esta vez aproveitando un rexeitamento. Co triunfo o Ciudad de Alcorcón empoléirase á cuarta praza.


 


Fonte: La Voz de Galicia

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores