Noticias
17 de decembro de 2012
O parapeto tudelano resístese á vontade laranxa (7-4)

O Burela FS Pescados Rubén non puido regresar cos seus primeiros tres puntos de Tudela; sucumbiu o sábado na férrea pista do Ríos Renovables Ribera Navarra (7-4).


O partido era clave para os dous equipos. O Burela FS precisaba sumar para non descolgarse na súa loita pola permanencia e o cadro local quería romper a etapa de resultados en contra. Nesta tesitura, o Ribera saíu á pista moi enchufado e adiantouse xa aos 40 segundos, por medio de Lolo. No entanto, os mariñáns conseguiron entoarse e nunha xogada afortunada puideron coar o 1-1, cando Jonathan, nun intento de despexe, perforou a súa propia portería. Foron os mellores minutos dos laranxas, que puideron incluso adiantarse por medio de Hugo. No entanto, a reacción foi un espellismo e o equipo local púxose por diante outra vez, cun gol de Rubi. O 2-1 pesou demasiado e os erros burelistas concederon o 3-1 antes do descanso.


Xa na segunda parte, o Burela FS logrou achegarse no electrónico e colocarse con 3-2 por medio de Christian pero os minutos decisivos foron en contra dos seus intereses. En catro minutos os navarros desartellaron as esperanzas visitantes, ata poñerse 7-2. Aínda así, os de Julio Delgado non baixaron os brazos e conseguiron reducir as distancias, con dobre aparición de Dani Martín (38 e 39), aínda que sen tempo para máis.


Este resultado mantén os laranxas a catro puntos dos rivais máis próximos, Manacor e Gáldar, que tamén caeron esta xornada, ante Puertollano (3-1) e Inter (4-5) respectivamente


 


Fonte: El Progreso

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores