Noticias
2 de xaneiro de 2013
O futuro burelista lócese no I Trofeo do Nadal Mariñán de Imdecum

O I Trofeo do Nadal Mariñán, apadriñado polo adestrador José María Pazos, ‘Pulpis’, despediu o ano na comarca con fútbol sala de base (27-29 de decembro) e coa ilusión da AD A Mariña FS, AD Santiago de Foz e ED EON Burela FS ao levantar o galardón de campións.


Baixo a organización da Fundación Imdecum e a colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo, un total de 17 equipos lugueses, con preto de 200 deportistas, déronse cita na Mariña para despedir o ano. Os pavillóns burelaos Vista Alegre e Monte Castelo acolleron a competición de base, entre benxamín e xuvenil, o venres e o sábado coa presenza de Cidade de Viveiro, AD A Mariña FS, Ribadeo FS, EDM Cervo, AD Santiago de Foz, ED EON Burela FS e Sarria-Peña Españolista.


As finais, o sábado pola tarde e integramente na bomboneira, tiveron unha heteroxénea representación. En benxamíns accedeu a veciña EDM Cervo, que se resentiu ante o potencial da AD A Mariña FS (1-7). O luminoso reflectiu máis igualdade en alevíns e infantís, con 2-2 ao expirar o tempo regulamentario e recorrendo aos penaltis; o primeiro título foi parar ao AD Santiago de Foz sobre a ED EON Burela FS A e o segundo lucirá na vitrina na ED EON B despois dun gran duelo na estrutura laranxa.  A categoría cadete volveu deparar un choque cento por cento burelista, con resultado favorable para o conxunto A (7-1). Na última final da tarde, brillou de novo o equipo de Vista Alegre, o Burela FS, impoñéndose 5-0 ao Sarria-Peña Españolista.


Ao acto de clausura asistiu o primeiro tenente de alcalde, Manuel Fernández Valle, xunto ao presidente e vicepresidente de Imdecum, Marcelino Luna e Manuel Blanco.


 


FONTE: Fundación Imdecum

Documentos relacionados:
51 KB
Resultados Trofeo do Nadal Mariñán Imdecum 2012
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores