Noticias
10 de xaneiro de 2013
O Burela FS asina un acordo de colaboración con UD Las Rozas-Boadilla
Os equipos de Las Rozas, xunto a afección laranxa, coincidindo co Torneo Cidade de Lugo José Luis Sáez, xunto ao presidente de UD Las Rozas-Boadilla, Manuel Barroso

O CD Burela FS Pescados Rubén asinou a finais de 2012 un acordo de colaboración coa Unión Deportiva Las Rozas-Boadilla (Madrid), polo que os xogadores da estrutura capitalina poderán formar parte nun futuro da entidade laranxa e á súa vez eles teñan un referente ao finalizar a súa formación na escola.
Ata as instalacións madrileñas desprazouse o director xeral burelista, José Luis Sáez Castro, que destacou a relevancia do devandito convenio, valorando a dispoñibilidade da Unión Deportiva e loando o seu traballo de formación. “Las Rozas-Boadilla é unha das entidades deportivas que mellor traballa a base do fútbol sala nos últimos anos, con varios exemplos de proxección en Primeira e Segunda División. Este acordo permitirannos a ambos os dous clubs perfeccionar e desenvolver aspectos formativos para beneficio dos futuros deportistas” asegurou José Luis Sáez, incidindo ademais na colaboración e participación dos equipos de Las Rozas en torneos e eventos do Burela FS, segundo o regulado no marco do acordo.
Dende Las Rozas, o coordinador da base, Alberto García, agradeceu a colaboración laranxa como “unha oportunidade necesaria para darlle continuación ao proxecto de base”. Segundo afirmou o responsable da formación da entidade madrileña, “o noso motor céntrase en seguir sendo a referencia do fútbol sala de base en Madrid”. “Somos un club moi esixente e o apoio do Burela FS facilitaranos captar máis xogadores e darlles saída. Esta é unha tendencia na que xa están traballando outros clubs da comunidade, vinculándose ao traballo da elite”, asegurou o coordinador de Unión Deportiva.


Máis de 150 nenos/as integran a estrutura 2012-13 de UD Las Rozas-Boadilla, entre prebenxamíns e xuvenís. Os alicerces do actual Unión Deportiva asentáronse solidamente a partir dos históricos Atlético Boadilla, da División de Honra, e Las Rozas, Prata, co Regal Sport, de Luis Fonseca; o ano pasado tamén se uniu ao proxecto a estrutura de Mirasierra. “A crise obrigounos a afanarnos dende Nacional Xuvenil cara ás categorías máis novas, pero nesta tempada, a través das primeiras negociacións con Burela FS tamén saímos en Terceira División”, puntualizou Alberto García, destacando ademais o dominio do club na súa comunidade: “O Xuvenil Nacional posiblemente pelexe este ano pola novena liga consecutiva en Madrid e os cadetes tamén despuntaron nos últimos catro anos. Entre os títulos de 2011-12, gañamos o Campionato de España Cadete, o Subcampionato Nacional Xuvenil e tamén fomos campións autonómicos en benxamíns “, concluíu relatando orgulloso o coordinador de Las Rozas. 



Actualidad de UD Las Rozas-Boadilla: www.udlasrozasboadilla.es

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores