Noticias
11 de xaneiro de 2013
Burela FS-O Carballiño, sobremesa para a tarde do sábado (19.30)

O Burela FS Pescados Rubén B iniciará a segunda volta da Terceira División con moitas expectativas o sábado, como sobremesa dunha tarde de fútbol sala en Vista Alegre. Tras o prato forte de Primeira, os pupilos de Iván Cao, Lucas, recibirán O Carballiño FS, para comezar a pugna ás 19.30 horas.


Dende a oitava praza (24 puntos), os laranxas mediranse ao décimo terceiro clasificado (12 puntos); no partido de ida, na estrea da categoría, o marcador foi para os de Lucas (3-5). “Confiamos en gañar” asegura unha das últimas incorporacións ás filas mariñás, o meta Brais García Pedre, que confesou a súa ledicia polo regreso ao proxecto burelista: “Estou moi contento por vivir unha experiencia diferente nesta nova etapa. Volvo para achegar confianza e experiencia a un proxecto emerxente, ao que pretendo contribuír con temperanza e saber estar na pista, motivación e desexos de superación; o equipo está formado por xogadores maioritariamente xuvenís e deles eu tamén estou aprendendo”.


Nas metas do Burela FS B non hai cabida para as incertezas. Unha vez superada a fase de adaptación á categoría, agora toca aspirar á escalada na táboa, comezando polo Carballiño FS. “A pesar da inexperiencia, na primeira volta o equipo demostrou saber estar e control dos partidos, sen minguarse ante os rivais; a partir de agora podemos aspirar a máis, co reforzo de Manu, que xa poderá xogar mañá“ adiantou Brais, que cualificou de anecdótica a última derrota, no derbi ante o Xove FS (6-0), “debido ás numerosas baixas”.


Superado o temporal de ausencias da semana pasada, a calma parece que se deixa entrever, aínda que Lucas non poderá dispoñer de todos os seus efectivos. Antón non entrará nas rotacións, por unha posible microrrotura de fibras, e Aarón será dúbida ata última hora, por unha escordadura de nocello.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores