Noticias
11 de xaneiro de 2013
Ano novo en Vista Alegre, vida nova con... tres puntos



O Burela FS Pescados Rubén estrea ano en Vista Alegre, con vida nova para facerse coa primeira vitoria da tempada, na penúltima xornada de Primeira División. O encontro de Vista Alegre ante o CD Caja Segovia, sexto clasificado (21 puntos), está previsto para mañá ás 17.00 horas, co seguimento en directo da TVG2.

“O Segovia é un rival que está facendo ben as cousas, xa se ve na táboa; sabe xogar a pelota e posúe un cadro dobremente perigoso, con xogadores moi novos e con experiencia en Primeira; manexan momentos que nós aínda non temos dominados e con iso debemos ter coidado porque se nos pode escapar o partido” analizou o peche Enrique Cánovas, convencido de que o cambio para o Burela FS está preto: “Temos que quitar esta lousa que cada vez se fai máis pesada; a chegada dos tres puntos faranos cambiar a dinámica; estamos traballando con ganas e ilusión e, sobre todo compromiso co proxecto, e podemos conseguilo”.

“Na casa estamos demostrando fortaleza e máis control e confianza, co vento a favor da afección. Esta é a primeira vez que podo gozar dunha bancada tan entregada; o seu apoio é de admirar. Como din eles mesmos, agora máis que nunca Burela campión; esperamos devolverlles axiña todo o que nos están dando” concluíu o levantino.

A única baixa será Nacho Pedraza, que xa non puido participar ante o Azkar. Carlitos podería entrar na convocatoria final, á espera da resolución da documentación de Cesinha e Silva.

Minuto de silencio. A bomboneira gardará un minuto de silencio antes do asubío inicial na memoria da nai da xogadora laranxa Haydee Agras, falecida esta semana.





Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores