Noticias
16 de xaneiro de 2013
Dany pelexará pola primeira praza

A pichichi de Primeira División, Daniela Domingos, Dany (16 dianas), volverá poñer ás costas o 3 laranxa para pelexar pola primeira praza da máxima categoría mañá ante o impoñente Atlético de Madrid Navalcarnero (La Estación, 20.30 horas), na clausura da 14ª xornada. A pivote brasileira, que viaxou ao seu país a mediados de decembro para renovar a súa documentación, aterrou esta mesma mañá en solo español, preparada para cumprir cos compromisos do Burela FS Pescados Rubén no derbi por excelencia do ano.


O equipo da Mariña poñerá a proba a imbatibilidade das madrileñas con todos os efectivos ás ordes de Javier Pardeiro, a excepción de Haydee, que ultima a recuperación da intervención de xeonllo á que foi sometida no mes de outubro. O Burela FS desprázase co reto de facerse co liderado en solitario da elite, ante un rival co que está empatado a 32 puntos e que non coñece a derrota;  tan só cedeu puntos a domicilio en dúas ocasións, con 3-3 en Valladolid (4ª xornada) e Orvina (11ª).


As pupilas de Pardeiro realizarán esta tarde, ás 17.00 horas, o último adestramento antes da gran cita. Mañá, sobre as 11.00 horas, a expedición laranxa poñerá rumbo a terras capitalinas para afrontar o partido que pechará a impecable traxectoria do cadro mariñán durante a primeira volta, antes da 15ª xornada, na que tocará descanso.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores