Noticias
18 de xaneiro de 2013
Grande actuación das laranxas en Navalcarnero, empañada polos pequenos detalles (5-3)

A grande actuación das laranxas onte en Navalcarnero, na clausura da 14ª xornada de Primeira, non foi suficiente para regresar á Mariña cos tres puntos que garantían a conservación da praza do poder. Os erros puntuais do Burela FS Pescados Rubén condenárono a un resultado desfavorable (5-3), que pouco reflicte o dominio visitante na pista do Atlético de Madrid.


Comezaron as pupilas de Javier Pardeiro cunha magnífica actitude e presión definida, coas primeiras tentativas nos pés de Peque, xa nos minutos 3 e 4, primeiro cun lanzamento que se estrelou no pau e despois cun un contra un con Vane, que se decantou para a porteira local. O Navalcarnero, ao que lle custaba sacar con claridade, adquiriu serenidade coas primeiras rotacións e así chegou o primeiro tanto, de Ju Delgado, nun contraataque; roldaba o minuto 9. O Burela FS mantivo o tipo e armouse de valor para seguir arriba; o merecido empate levou sinatura da pichichi Dany (minuto 15), tras un roubo de balón. O último cuarto do primeiro período cobrou máis intensidade e rapidez, coa busca incansable da vantaxe para as laranxas e a intención das madrileñas de saír á contra. Tocou a bucina para ao descanso con 1-1 e o banco local notablemente alporizado, coa consecuente expulsión do seu técnico.


Volveron ambos os conxuntos coa idea de impoñerse. Despois de tímidas tentativas, volveu aparecer o oportunismo madrileño, con materialización de Anita Luján (minuto 26). A punto estivo Lidia Mesías de igualar de novo un minuto máis tarde, pero atopouse con Vanessa. No entanto, a finalización soaba nas filas laranxas e vaia balbordo desencadeou co golazo de Peque, que roubou e sentou a dous rivais para superar despois a Vane; regresaba a igualdade ao marcador, 2-2, no minuto 30. Por desgraza, pouco durou a ledicia mariñá; no 31, Natalia subiu o 3-2, nun disparo afastado que cambiou a traxectoria ao tocar en Peque. Dany puido volver perforar por partida dobre, cunha boa resolución da meta madrileña. Non había que desfalecer e as de Pardeiro seguírono intentando, con éxito no 35 para Peque tras parede con Maite. As burelás podían poñerse por diante, pero nun minuto desafortunado Natalia afastábaas do obxectivo, primeiro á saída dunha falta (35) e despois aproveitando o esférico no centro da área tras saque de esquina (36). Dolo enfundou a camisola de porteira xogadora a falta de dous minutos e medio; loitaron as pupilas de Pardeiro pola remontada sen tempo para máis.


Con este resultado, o Burela FS chega á última xornada da primeira volta esta fin de semana, na que lle tocará descansar, en segunda posición con 32 puntos, 3 por detrás das capitalinas, que se medirán en derbi madrileño ao Soto del Real (10º, 20 puntos), e con 5 con respecto aos seguidores máis próximos, Ciudad de Alcorcón e Valladolid, que se enfrontan ao Móstoles (9º, 17) e Centelles (pechacancelas, 1) respectivamente.


PARTIDOS                                  LUGAR       HORARIO
1) FS Gironella -- Diamante Logroño  Pav. Municipal  17:30 
2) Viaxes Amarelle -- Roldán FSF  Mpal. Sagrada Familia 18:00
3) Soto del Real -- At. Madrid Navalcarnero Pav. Municipal  18:00
4) FSF Móstoles -- Ciudad de Alcorcón  Pav. Villafontana  18:30
5) Univ. de Alicante -- Cidade das Burgas Pav. Universitario  19:00
6) Valladolid FS-- AE Centelles   Pav. Lalo García  20:00
7) Ponte Ourense -- Lacturale     Pav. Os Remedios  12:00*



Descansa: Burela FS Pescados Rubén



* Ponte Ourense -- Lacturale Gurpea Navarra disputarase o domingo 20 de xaneiro.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores