Noticias
24 de xaneiro de 2013
Pulo para unirse ao pelotón pola permanencia (Manacor, venres 25, 20.30)

Arranca a segunda volta da Primeira División con outro compromiso da liga laranxa. O CD Burela FS Pescados Rubén emprenderá voo esta tarde cara ás Baleares para pelexar pola súa primeira vitoria, ante o Fisiomedia Manacor, un impulso vital para unirse ao pelotón da permanencia na máxima categoría. O pavillón Palma Arena acollerá a 14ª xornada mañá, ás 20.30 horas.


“Temos que repetir a actitude de Puertollano” di tallante o técnico, Julio Delgado, amosándose optimista: “Recuperamos a Christian e Mimi para as rotacións tras a sanción e xa temos a Cesinha, que aínda que carece de ritmo de competición xa demostrou unha excelente predisposición a semana pasada”, dixo o adestrador.


O capitán Juanma Marrube coincidiu na transcendencia da cita porque “volverá ser unha final para o Burela FS, cun rival da mesma liga” e incidiu na relevancia de comezar con bo pé o segundo traxecto da liga. “Sacar algo positivo en dous partidos lonxe da casa vainos dar confianza para comezar mellor a segunda volta en Vista Alegre, onde somos máis fortes” apuntou o Mariskal.


Tan só 4 puntos separan a cuadrícula de mariñáns e manacorís na loita pola supervivencia na elite. Na primeira volta, o luminoso favoreceu os insulares (1-5), no “xogo máis frouxo do Burela FS como locais” a xuízo de Juanma. “Polas referencias do anterior enfrontamento, sabemos que basean o seu éxito presionando ben o balón e aproveitando os erros en zona de inicio“, así falou do equipo do do que fora técnico do Lobelle, Tomás de Dios, e dos ex-laranxas Javi Rodríguez e Víctor López.


Tras as saídas do club de André e Dani Martín, Julio Delgado poderá dispoñer de todos os seus efectivos, a excepción de Silva, que non viaxa debido a unha leve lumbalxia. Nacho Pedraza chegará entre algodóns xa que se resentiu no último adestramento das molestias de abdutores que xa lle impediron saltar ás pistas nas últimas semanas.


As filas insulares acollen con alento o posible regreso de Joan González e Javi Rodríguez, despois da ausencia do último encontro por molestias, nunha tempada na que a enfermería está traballando moito; ás baixas de Martín Armas, Toni Rosselló e Jaume Sitges, uniuse esta semana a de Vega.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores