Noticias
28 de xaneiro de 2013
Reacción tardía do Burela FS B

O Burela FS B tivo que facer fronte a demasiados atrancos na pista do 5Coruña FS (6-4). Os laranxas, limitados pola ansiedade de cara á portería e polas continuas interrupcións do xogo, perdoaron moito na primeira parte e aínda que reaccionaron ben tras o descanso xa foi demasiado tarde para regresar cos tres puntos.


Os pupilos de Lucas comezaron ben, presionando o balón, evitando a mobilidade do rival e con perigo sobre a meta herculina. No entanto, o 5Coruña FS púxose por diante na primeira saída clara do seu campo, en torno o minuto 5. A partir de aí, a precipitación pola igualada non lles fixo ningún favor aos mariñáns, que tamén tiveron que sufrir un ambiente moi caldeado dentro da pista sen o control oportuno; os locais puideron chegar ao descanso con 5-1, baseándose no contraataque.


Á volta, regresou o 5Courña FS con velocidade e ampliou distancias (6-1). Roldando o ecuador, o Burela FS B reaccionou con porteiro-xogador e funcionoulle; apropiouse do encontro e da finalización achegándose ata 6-4. No último minuto de xogo, despois de loitar contra vento e marea, o Burela Fs aínda tivo que lamentar a lesión de Manu, tras unha entrada moi fea dun rival.


Polo 5 Coruña FS xogaron Iván Bujía, Óscar (1), Daniel, Alfonso (2) e Alejandro (2), no cinco inicial; tamén entraron nas rotacións Luís, Martín (1), Alberto e Jacobo Sombrita. O quinteto laranxa estivo composto por Brais, Manu, Fabio (2), Antón (1) e Carlos; tamén participaron Keko, Souka (1), Hélder e Aarón. Árbitros: Manuel Dans e María Corrochano

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores