Noticias
17 de febreiro de 2013
Ao Burela FS sóbranlle dous minutos en Logroño (2-2) para conservar o liderado en solitario

O Burela FS Pescados Rubén regresa a Galicia con empate ante o Diamante (2-2). Logo de reaccionar ante o tanto temperán das locais, as laranxas souberon tomar a iniciativa no xogo e no marcador ata o minuto 38. O resultado de Logroño obriga as mariñás a compartir o lideradoo co Atlético de Madrid Navalacarnero, que se impuxo onte ao Valladolid por un axustado 2-1.


Sen apenas asimilar o ritmo do partido, o Burela FS tivo que pelexar co electrónico en contra, tras o rápido achegamento de Shiori sobre a portería laranxa, subindo o 1-0 xa no minuto 2. O conxunto de Javier Pardeiro rearmouse para ir a por todas cunha presión acuciante, á que A Rioxa respondeu cunha pechadura de filas absoluta, intentando despexar e buscando o contragolpe. Dany e Maite, con senllos lanzamentos afastados e a excelente reacción da meta logroñesa, e Lidia, que desaproveitou un córner ao segundo pau, foron as artífices das ocasións máis claras antes do descanso, que chegou con vantaxe de 1-0 para as diamantinas.


Coa segunda parte chegou a finalización tan merecida para as laranxas. Lidia anotou o empate, no minuto 24, ao culminar un contraataque de Peque tras roubo de balón. Pouco despois Jozi, con tempero, evitou que as locais dispuxesen dunha nova vantaxe no marcador nun un contra un. O Burela FS buscaba sen descanso unha nova diana, que chegou coa firma de Peque, no 29, nunha bonita xogada. Con 1-2, as rioxanas pediron tempo morto para frear o arranque goleador das laranxas. A falta de cinco minutos, a escuadra local propúxose cambiar o rumbo do encontro con xogo de cinco e conseguiuno, no 38, cunha nova chegada de Shiori á meta de Jozi. Reaccionou o equipo de Javier Pardeiro tamén con porteira xogadora, impoñendo presión e intimidando as rivais. Cando máis parecía que podía reaparecer o acerto laranxa soou a bocina final no Palacio dos Deportes de Logroño.



 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores