Noticias
18 de febreiro de 2013
Rifadísima vitoria no derbi comarcal (2-3)

O Burela FS Pescados Rubén B fíxose esta fin de semana con tres puntos rifadísimos no derbi comarcal de Terceira. Os de Lucas materializaron a vitoria na pista do Cidade de Viveiro (2-3) nos últimos segundos, nun encontro no que o xogo errático inicial e a desafortunada finalización os empuxou a pelexar contra o marcador.


As imprecisións marcaron o xogo laranxa no primeiro período. O equipo local, ben cerrado na súa pista, foi capaz de saír á contra e crear perigo; Brais contivo as chegadas ata o minuto 16, cando Pata adiantou os viveirenses para marchar ao descanso con 1-0.


O tempo no vestiario serviulles aos burelistas para reflexionar e volver ao partido máis concentrados e acertados. Así no primeiro minuto o goleador Fabio asinou o empate. Aínda que co control do encontro, ao Burela FS custáballe finalizar e os locais non desaproveitaron a oportunidade. Nun novo contraataque, os da cidade do Landro volveron tomar vantaxe, no 28. Sen desesperar no ataque, os pupilos de Lucas souberon esperar ata o 35 para volver igualar a contenda, nos pés de Keko. Cando todo parecía presaxiar que o electrónico se mantería inamovible un oportuno roubo de Bruno desencadeou no gol da vitoria, a tan sólo 4 segundos do final; despois de varios rexeitamentos, o esférico caeu en Fabio para culminar o 2-3 definitivo.


Ficha técnica


Cidade de Viveiro: Miguel, Pablo, Pata, David Díaz e Manuel, no cinco inicial; tamén xogaron  Marquiños, Piro, Calpita e David.


                                                                                                   
Burela FS B: Brais, Bruno de Nois, Fabio, Souka  e Keko, no cinco inicial; tamén xogaron Carlos, Xoia e Hélder.


Goles: 1-0, minuto 16, Pata; 1-1, minuto 21, Fabio; 2-1, minuto 28, David Díaz; 2-2, minuto 35, Keko; 2-3, minuto 39, Fabio.


Árbitros: Martín B.  e Amor Vizoso


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores