Noticias
21 de febreiro de 2013
Julio Delgado non seguirá no banco do Burela FS

Julio Delgado non seguirá dirixindo ao Burela Fs Pescados Rubén en Primeira División. Onte a última hora da tarde, o vicepresidente da entidade, Manuel Blanco e o Director Xeral José Luís Sáez comunicaron ao técnico a decisión de non seguir contando cos seus servizos tras o acordo adoptado pola Xunta Directiva laranxa. Logo de informar a Julio Delgado, o club iniciou negociacións para cubrir a vacante; polo momento non se formalizou contrato con ningún adestrador.


“Non foi unha decisión doada” admitiu Manuel Blanco. “A estrutura laranxa fixo un esforzo sobrehumano para cumprir o soño de dar o salto á Primeira División; custounos moito chegar ata aquí e faremos todo o posible por manternos; temos que reorientar a traxectoria na liga para cumprir o obxectivo da permanencia” xustificou o dirixente. “A sorte non nos está acompañando neste ano histórico. Coa renovación do mercado invernal os resultados non responderon como se esperaba; vémonos obrigados a dar este paso adiante para seguir gozando deste gran soño” explicou Blanco.


Julio Delgado regresou ao banco do primeiro equipo a tempada pasada, logo dunha etapa como xogador, na que conseguiu o ascenso a División de Prata, e posteriormente como adestrador de categorías inferiores e do Concello de Trabada (filial entón do Burela FS). Nesta a súa primeira experiencia ao mando o equipo conseguiu, logo de varios intentos, o ascenso á Primeira División.


No nome da familia laranxa, o vicepresidente do Burela FS Pescados Rubén agradeceu “a entrega e dedicación” de Julio Delgado, “un home da casa –dixo- que proporcionou moi bos momentos ao longo de diferentes etapas da historia do club, peza dunha engrenaxe que despois de 11 anos nas pistas conseguiu dar o salto á elite do fútbol sala”. Sobre as palabras de Blanco, José Luis Sáez destacou a profesionalidade do técnico: “Esta é a súa casa e sempre terá as portas abertas”, puntualizou o directivo laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores