Noticias
25 de febreiro de 2013
O Burela FS presenta a Juanlu como adestrador laranxa en Primeira LNFS

O Burela FS Pescados Rubén xa ten novo adestrador para o histórico proxecto de Primeira LNFS, o madrileño Juan Luis Alonso Doral, máis coñecido como Juanlu. O técnico selou o acordo que o vinculará á entidade mariñá ata 2015 esta tarde na sede laranxa, xunto ao vicepresidente, Manuel Blanco, e o director xeral, José Luis Sáez.


“O Burela FS ten un presente difícil, pero un futuro prometedor” aseguraba con optimismo Juanlu na súa chegada á Mariña. “Este club ten os tres piares básicos para cumprilo: unha estrutura sólida, un patrocinador comprometido e unha masa social implicada. Todas estas condicións foron as que me fixeron decidirme polo proxecto” explicou o madrileño, que dirixirá esta tarde a primeira sesión do equipo laranxa. “O gran hándicap do Burela FS é o factor tempo; enfrontámonos a unha carreira de 100 metros, onde non dá tempo a recuperar, pero con este cadro pelexaremos cada punto e demostraremos que que non debemos estar no fondo da táboa” adiantaba con ilusión o novo estratega burelista. 


Aos seus 37 anos, Juanlu posúe unha notable veteranía á fronte dos bancos. Inter Movistar, Pinto FS, Azkar Lugo, Boomerang Interviú son só algúns nomes que figuran no seu percorrido polas pistas. Tras o seu paso por Levitt Las Rozas (2002-04), como referencia en Prata, e Carnicer (2000-01) e o todopoderoso Boomerang Interviú (2001-02, 2004-05), como segundo, en 2005-06 decantouse por Galicia e o Azkar Lugo, co que se proclamou campión da Recopa de Europa. En 2007-08, o Pinto FS e Juanlu conseguiron o ascenso á División de Honra. A dirección de Inter Movistar (2008-10) brindoulle os títulos da UEFA Futsal Cup e Copa e Supercopa de España, en 2009. O novo adestrador laranxa recala na Mariña despois de preto de dúas tempadas no vestiario do Benicarló Aeroport Castelló, que se retirou de Primeira en 2011-12 por problemas económicos, e un fugaz paso por Segunda B, cun proxecto ao lado da casa, o Navalagamella FS, que asumiu a comezos de ano.


Dende a directiva burelista, Manuel Blanco e José Luis Sáez sinalaron “a dilatada traxectoria e a ampla experiencia na máxima categoría de Juanlu, como a mellor garantía para darlle ao Burela FS o pulo necesario e cumprir co obxectivo da permanencia”. “Corpo técnico, xogadores e directiva pelexaremos por seguir en Primeira; todos xuntos, co apoio da afección, poderemos conseguilo” concluíu o vicepresidente laranxa.


O CD Burela FS Pescados Rubén e o propio Juanlu agradeceron todas as facilidades mostradas polo Navalagamella FS, especialmente polo seu presidente, José Francisco Lobo Rivero, para que a chegada do técnico a terras galegas rematara por ser unha realidade.


Preparación física


O novo corpo técnico dos laranxas tamén experimentará cambios no apartado da preparación física. Xunto a Juanlu, asumirá esta labor ata final de tempada o director da ED EON Burela FS e preparador físico do Burela FS en Primeira RFEF, Alfonso Mera, substituíndo o focego Suso Rey. O CD Burela FS agradeceulle ao coordinador da base laranxa a súa disposición e implicación no proxecto.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores