Noticias
1 de marzo de 2013
Un Burela FS diferente reta a hexemonía do FC Barcelona

A Mariña vivirá este sábado outra festa do fútbol sala, con cheo absoluto. Un Burela FS Pescados Rubén diferente, coa estrea de Juanlu na dirección, retará a hexemonía do FC Barcelona Alusport na 18ª xornada da elite, a partir das 19.30 horas. A venda de entradas na taquilla de Vista Alegre estará aberta dende as 18.15 horas.


O cadro laranxa recibirá na bomboneira o líder de Primeira (40 puntos) e recente campión da Copa de España, que validou o título o domingo pasado en Alcalá de Henares por terceira edición consecutiva, un privilexio histórico só compartido polo Caja Segovia.


Os capitáns burelistas Juanma e Edu transmitiron as boas sensacións nesta primeira semana baixo as ordes de Juanlu, así como a ilusión do equipo na nova etapa: “Foi unha semana con moita información nova sobre o que o adestrador quere de nós e a súa filosofía de xogo que acollemos moi ben; foi unha semana bastante boa” coincidían o alfocego e o naronés.


O Barcelona inaugura un complicado calendario para os laranxas, que aínda terán que verse as caras nas seguintes semanas aos outros dous grandes, Inter  Movistar e ElPozo Murcia. “Para nós é un orgullo medirnos ao Barcelona, un dos mellores equipos do mundo, e que o pavillón estea repleto. Somos conscientes do envergadura do reto, pero en Vista Alegre ninguén gañou de xeito doado” advertiu Edu,  puntualizando Juanma sobre a coraxe e o afán de superación laranxas: “Somos conscientes de onde estamos, pero non imos regalar nada, exporémonos coma se fose un rival directo. O Barcelona virá a gañar, non creo na relaxación tras a Copa e menos coas tres únicas derrotas nas últimas xornadas; quererán volver a gañar na liga” explicaba o Mariskal, facendo referencia aos encontros dos cataláns ante Zaragoza (8-4, 16ª xornada), Triman (3-1, 14ª) e Ríos Renovables (5-4, 13ª).


“Vista Alegre sempre nos apoia, pero este será un encontro moi importante para o  Burela FS polo que representa o Barça como entidade. Estaremos arroupados pola afección de sempre, pero tamén asistirá moita xente que presenciará por primeira vez o fútbol sala, que seguramente quede enganchada ao espectáculo deste deporte” concluía Juanma.


Compoñerán a primeira convocatoria de Juanlu Edu, Mimi, Iago Míguez, Enrique, Isi, Juanma, Matamoros, Christian, Iago Barro, Hugo, Nacho Pedraza e Cesinha. Nas filas blaugranas, serán baixa Paco Sedano, Ari Santos e Igor, segundo a información facilitada dende o club catalán.


Peugeot 4008. Coincidindo co Burela FS-FC Barcelona, os afeccionados terán a oportunidade de contemplar a elegancia urbana e confortabilidade do Peugeot 4008, modelo que estará exposto nas inmediacións de Vista Alegre grazas ao colaborador do club laranxa, Talleres Pomeda de Burela.


Inter Movistar. O equipo laranxa disputará a 19ª xornada de Primeira o venres 8 ante outro dos todopoderosos, o Inter Movistar (pavillón Caja Madrid, 21.00 horas).



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores