Noticias
1 de marzo de 2013
Duelo galego de contrastes (domingo 3, 12.30 horas)

A xornada dominical de Vista Alegre renderase á Primeira División RFEF cun derbi galego de contrastes. Esmerándose por seguir no cumio da máxima categoría, o Burela FS Pescados Rubén esperará na bomboneira o Viaxes Amarelle FSF, na penúltima praza, a partir das 12.30 horas.


“Temos que estar previdas” avisa Haydee. “É un equipo novel en Primeira, que se adaptou e colleu o ritmo da categoría. Os derbis sempre son perigosos e máis cando o Amarelle xa deu o aviso co colíder, Navalcarnero (2-1), e Ponte Ourense (2-2)”, explicaba a viguesa, totalmente recuperada dunha lesión de xeonllo que a mantivo afastada da competición entre a primeira e a segunda volta de La Rioja e dunha tendinite de pata de ganso que lle deu a lata as últimas semanas. A ala-peche laranxa, que xa gozou de minutos co Diamante e Soto del Real, recoñeceu que tivo “unha recuperación difícil, aínda que tamén con tranquilidade nos prazos de rehabilitación porque os resultados estaban acompañando”. “Agora teño que ir pouco a pouco adquirindo o ritmo da competición” precisou Haydee.


Javier Pardeiro contará coas dúbidas de Lucía, por sobrecarga, e Paula, por unha contractura.


O Atlético de Madrid Navalcarnero, na puxa pola primeira praza coas laranxas, recibirá o antepenúltimo, Cidade das Burgas. O terceiro en discordia, Ciudad de Alcorcón (40 puntos), visitará a pista do Roldán, noveno. “Cinco puntos non son nada” valorou Haydee con respecto á vantaxe do terceiro, aínda que fuxindo da idea de que a loita pola título só pode estar entre madrileñas e galegas: “Non podemos dicir que esa distancia non nos dá tranquilidade, pero non podemos descoidarnos. En dous partidos poden cambiar moito as cousas; tras a derrota con Navalcarnero, nós puidemos recuperarnos e asumir o liderado en solitario acompañándonos os resultados; iso tamén lles pode ocorrer aos rivais” analizaba a burelista.


Galicia Sub-23 en Burela. O combinado irmandiño sub-23, con Lidia Mesías e Lara no seu vestiario, visitará A Mariña en vésperas da final do Campionato de Seleccións Territoriais que se disputará en San Lorenzo del Escorial o 9 e 10 de marzo. A escuadra de Manuel Castillo realizará un adestramento xunto ao Burela FS Pescados Rubén o xoves 7, a partir das 19.00 horas, en Vista Alegre.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores