Noticias
3 de marzo de 2013
O Burela FS non defrauda ante o Amarelle (7-1) e segue líder



O Burela FS Pescados Rubén fixo gala do cartel de favorito no derbi galego desta mañá en Vista Alegre ante o Viaxes Amarelle, impoñéndose por un contundente 7-1, resultado que lles permite ás laranxas continuar na primeira praza, compartida con Atlético de Madrid Navalcarnero (2-0, Cidade das Burgas).

Con control absoluto, as mariñás marcaron o ritmo do encontro, avasalando a área rival desde os primeiros compases, ante unha resposta tímida das coruñesas, que non opuxeron resistencia para ceder a posesión do esférico ás locais, recorrendo ao contraataque como estratexia de sorpresa. O perigo continuo xerado polas pupilas de Javier Pardeiro obtivo os seus primeiros froitos en dous minutos seguidos (8 e 9), nunha perfecta comunicación entre Maite e Dolo, que desde a banda deixou colocado o balón nos pés de Lidia Mesías, primeiro, e Haydee, dun potente disparo desde media pista. No camiño adecuado, o Burela perseguiu ampliar distancias, con avisos de Lidia (13 e 18), Peque (16) e unha gran contra de Maite, á que non puido chegar Dany (18). A dous minutos para o descanso, as coruñesas saíron con xogo de cinco, con Lago á cabeza; desaproveitaron as laranxas dúas ocasións a porta baleira e unha oportunidade de ouro de Peque na caza de saque de esquina de Haydee.

Continuou á carga o Pescados Rubén na segunda parte, coa saída de Patri e a frescura das benxaminas Lara, Paula e Silvia. Protagonizou tres dianas máis en tan só tres minutos: Peque (22), nunha maxestuosa chegada á área herculina, que cravou no alto da rede e Lidia, con hat-trick (25 e 26), en brillante galopada e asistida por Maite desde a esquina, respectivamente. Con 5-0, o Viaxes Amarelle pediu tempo e volveu recorrer á porteira-xogadora, ante a eficaz reacción das mariñás. Tras desaproveitar a portería baleira no 31, a escuadra local non quixo perdoar máis e apareceu de novo Haydee para anotar o 6-0 pola escuadra de dobre penalti. O gol do honor para as coruñesas subiu ao luminoso no 35, con firma de Patri, que conseguiu zafarse da persecución de Haydee e obrigar a meta burelista a adiantarse demasiado. Con fame de gol, o Burela FS seguiu buscando os ocos defensivos do Amarelle; tras o empeño de Maite e Peque na área rival, conseguiu culminar Dany con perspectiva máis afastada, co 7-1 definitivo, a falta de 41 segundos.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores