Noticias
5 de marzo de 2013
Quinta vitoria consecutiva para o Burela FS B

O Burela FS Pescados Rubén segue na liña ascendente. A vitoria na pista do Leis Pontevedra (4-8, 23ª xornada) converteuse na quinta consecutiva para os de Lucas, na mellor etapa da súa primeira tempada en Terceira. Este resultado mantén as posibilidades dos mariñáns (45 puntos) de acceder á segunda praza, nas mans do Pazos de Borbén (46), que venceu 13-5 ao Eypar.


Os laranxas dominaron, con eficacia vertical; tras un roubo e dúas xogadas ben elaboradas foron ao descanso con 0-3 merecido. A escuadra burelista mantivo a tónica dominadora no segundo período, con ocasións claras en ataque e freando as iniciativas dos locais. Con 0-4, a falta de 14 minutos, o Leis solicitou tempo para apostar por porteiro-xogador, estratexia que o Burela FS aproveitou para subir o 0-5, tras roubo do esférico. Co encontro encamiñado, os laranxas relaxáronse, situación da que sacaron partido os pontevedreses, reducindo distancias ata 4-7. Na recta final, os de Lucas reaxustaron a defensa para retomar o control, con 4-8 final.


O cinco inicial burelista estivo artellado por Brais, Bruno de Nois, Fabio (3), Antón (1) e Keko (2); tamén xogaron Carlos (1), Souka (1) e Hélder. Polos pontevedres saíron Jorge, Martín (1), Sergio Martínez (3), Raúl Jiménez e Miguel; ademais participaron Sergio Martínez e Eloy.


24ª xornada. O próximo rival para os mariñáns será o CAFYD, pechacancelas con 8 puntos, o sábado, en Vista Alegre.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores