Noticias
15 de marzo de 2013
Pulo de confianza para medirse ante ElPozo



O Burela FS Pescados Rubén enfrontarase mañá a outros dos titáns da máxima categoría, o nomeado ElPozo Murcia, segundo clasificado (45 puntos), coa intención de “aproveitar o pulo de confianza” que outorgou o empate da semana pasada ante o grande Inter Movistar, segundo expresou o técnico laranxa, Juanlu. Un novo e mellor Burela FS pechará o complicadísimo ciclo de calendario, o seu particular Tourmalet, ante a afección de Vista Alegre, a partir das 18.30 horas.

Na terceira semana á fronte do vestiario mariñán, Juanlu amosouse contento pola evolución do equipo: “Seguimos mellorando, día a día estamos mellor e cada vez máis preto de conseguir o rendemento perseguido, para chegar aos partidos decisivos con garantías” asegurou o adestrador burelista. “O equipo está concienciado para facer un bo partido e se ElPozo ten que sacar algo de Burela, que o faga ofrecendo a súa mellor versión” explicou con decisión o estratega, advertindo da dura loita que acollerá a bomboneira: “Como ocorreu ante o Inter, nós seremos para ElPozo o rival previo a un enfrontamento directo, no podio, a relaxación tampouco figurará nos seus rostros”.

Juanlu disporá de todo o cadro para a cita. A convocatoria de ElPozo estará configurada por Juampi, José Ruiz, Paulinho, Miguelín, Jesús, Bebe, Álex, Fabio, Adri, Raúl, Gréllo e Franklin; descansarán Kike e Rafa.

Venda de entradas. Vista Alegre abrirá a taquilla mañá ás 17.15 horas, no Día do Club. Para realizar un control exhaustivo da afluencia ao encontro todos os afeccionados deberán acceder ao recinto con entrada. A directiva do CD Burela FS decidiu establecer un prezo simbólico para os menores de 14 anos, 1 euro.

As entradas de socios/as reservaranse en taquilla ata as 18.15 horas; nos últimos quince minutos previos ao partido liberarase a súa venda.

Sorteo dunha bicicleta. A entidade laranxa promoverá a práctica deportiva a través do sorteo dunha bicicleta MMR (valorada en 800 euros), doada pola firma Cerezo Bikes, durante o descanso do partido ante ElPozo. As rifas estarán á venda ata o sábado, por tan só 2 euros a papeleta.


PREZOS PARA SOCIOS

Socios adultos: 3 euros
Socios xuvenís (14-18 anos): Gratuíto

 

PREZOS PARA NON SOCIOS

NON socios adultos: 12 euros
NON socios xuvenís (14-18): 3 euros

Menores de 14 anos: 1 euro



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores