Noticias
15 de marzo de 2013
Repartición de puntos en terras madrileñas

O Burela FS Pescados Rubén regresará esta noite con repartición de puntos en terras madrileñas. Ás pupilas de Javier Pardeiro escapáronselles dous prezados puntos na casa do Móstoles FSF tras manter a vantaxe de 0-1 ata a recta final dun encontro moi intenso que finalizou con 1-1 malia as numerosas ocasións de gol. Con certo sabor amargo, o cadro laranxa durmirá hoxe como líder con 49 puntos e coa incógnita ata o domingo do que deparará a 22ª xornada no podio, co enfrontamento entre o terceiro, Ciudad de Alcorcón (43) e o colíder, Atlético de Madrid Navalcarnero (48), a partir das 13.00 horas.


A presión decidida do Burela FS facilitoulles ás laranxas as primeiras oportunidades a media distancia, de Lucía e Dolo. Tras remate ao pau de Lidia chegou o gol das mariñás, no minuto 13, ao aproveitar Dany un servizo da propia ferrolá desde a banda esquerda dentro da área. Preto do descanso, Lidia volveu ter nas súas zapatillas o 0-2 tras roubo de balón nun man a man que salvou Belén. As locais solicitaron tempo a 18 segundos de soar a bucina sen variación no electrónico.


No segundo período, as primeiras ocasións claras asináronas Peque, nun remate contra o pau, e Eva Manguán nunha volea que se marchaba altoo. As laranxas volvían ao ataque sen tregua sobre a meta rival sobre o minuto 26, con potente disparo de Lucía e remate dentro da área de Dany. Roldando o 30, o xogo de cinco saltou á pista para as de Móstoles, con idas e vidas de Patri Chamorro; con porteira xogadora chegou a igualada das locais, con gol de Celia ao segundo pau a pase de Chamorro desde o lado contrario. Tras tempo morto solicitado por Pardeiro, as mariñás apostaron pola mesma estratexia para facerse de novo co control do luminoso; con Dolo como estandarte o encontro adquiriu un ritmo frenético, aínda que senllas porterías se mantiveron imperturbables.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores