Noticias
16 de marzo de 2013
Nova casa laranxa

O Burela FS Pescados Rubén e toda a familia laranxa viviron esta mañá unha inauguración de luxo da súa nova sde, nun acto presidido polo presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, Javier Lozano Cid, e o seu homólogo na Federación Galega de Fútbol, José García Liñares.



Antes de descubrir a placa inaugural, a máxima autoridade da Liga felicitou ao club mariñano polas novas instalacións, como espello dun serio traballo a favor do fútbol sala: “Vivir a vida é deixar un legado, axudar a construír algo. Isto é o que está facendo o Burela, difundindo a ilusión na xente, creando riqueza na economía da zona e formando unha estrutura sólida. Para a LNFS Burela é un exemplo, é un camiño para marcar ao resto e só lle podo desexar que siga así, crecendo” explicou Javier Lozano, con quen coincidiu o presidente da FGF, cualificando de “instalacións modélicas” a nova casa laranxa: “Un dos meus primeiros actos na Federación foi en Burela en 2010, coa presentación da Copa de España Feminina; entón xa me impresionou a estrutura deste club tan dinámico, que non deixa de superarse día a día; así o demostra esta nova sede” dixo José García Liñares.


En nome de todos os integrantes da familia burelista, o presidente, José Ramón González Casas, agradeceu o apoio de personalidades de institucións deportivas e administrativas nun momento tan importante para a entidade. “Esta nova sede reflicte a nosa aposta pola continuación e evolución do fútbol sala, un escaparate para a ilusión por este deporte na Mariña” dixo González Casas.


Compartiron este día tan especial para a estrutura laranxa ademais a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; o xefe de Deportes de Lugo, Manuel Otero; o deputado provincial Alfredo Llano e o alcalde de Burela, José María González Barcia, entre outros. A RFEF tamén quixo apoiar o Burela FS neste acto coa presenza do directivo Juan Abellán; tamén acudiron o presidente do Comité de Fútbol Sala da FGF, Plácido Díaz, e Jacinto Artigas, do Comité Galego de Árbitros, ademais de patrocinadores, representantes de ElPozo Murcia, diversos medios de comunicación e afeccionados.


O club burelista cóase no centro neurálxico da localidade mariñá para brindar unha maior proximidade a socios/as laranxas e afeccionados/as ao mundo do fútbol sala. Ademais das oficinas de xerencia deportiva, corpos técnicos e ED EON Burela FS, as novas instalacións acollerán a área de Atención ao Socio e unha nova proposta coa Tenda Laranxa, que ofrecerá unha ampla gama da indumentaria deportiva do Burela FS e unha innovadora e carismática liña de complementos de xoiería.


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores