Noticias
20 de abril de 2013
Brillante remontada das laranxa en Ourense (4-5)

As laranxas recolleron o valiosísimo froito dos tres puntos en Ourense, que as mantén líderes de Primeira División RFEF (61 puntos) tras un inusual encontro ante o Cidade das Burgas que finalizou con 4-5 para as da Mariña. Aínda que comezou dominando o electrónico, uns minutos de desasosego obrigaron á escuadra de Javier Pardeiro a armarse de caste, con Peque e Lidia como estandartes, para recuperarse dun 4-1 en contra xa no minuto 11.


O madrugador tanto de Haydee a pase de Peque, xa no minuto 2, facía presaxiar outra tarde de gloria para as burelistas, que se viu imprevisiblemente empañada polo oportunismo das ourensás, con catro goles en catro chegadas, aos 11 minutos. O empate de Sonia (minuto 5) subiu ao marcador nun contraataque ao que a defensa laranxa chegou un pouco tarde. Sen aparente perigo, poucos segundos despois, Figo anotou o 2-1 desde saque de banda ao segundo pau. Iria ampliou a renda no 8, ao aproveitar un despexe na área visitante e o 4-1 coouse de novo ao contraataque, nas zapatillas de Figo. Logo da incerteza, Peque recortou distancias, no 12, con 4-2 á chegada do descanso.


No segundo período, as de Pardeiro saíron concienciadas para a remontada. No 23, volveu aparecer Peque para subir o 4-3. Tras o empuxe laranxa e sen fortuna nas tentativas de Peque, contra o largueiro, e Dolo, no pau, Lidia subiu a alegría do empate no minuto 34. Tres minutos houbo que esperar para recuperar o control do electrónico, con hat-trick de Peque (4-5), que se converte na máxima artilleira laranxa. Sen resignarse, as locais reaccionaron polo xogo de cinco para tomar de novo a iniciativa no resultado; a expulsión de Iria, por dobre amarela deixounas en inferioridade na recta final.


O Burela FS Pescados Rubén durmirá con catro puntos de vantaxe sobre o seu rival directo, Atlético de Madrid Navalcarnero, que recibirá mañá o Lacturale Gurpea Navarra, sexto (42 puntos), ás 13.30 horas en La Estación.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores