Noticias
26 de xuño de 2013
O mariñán Quico Otero, novo adestrador do Burela FS en Primeira RFEF

O técnico mariñán Francisco Ramón Gómez Otero, coñecido deportivamente como Quico Otero, dirixirá o CD Burela FS Pescados Rubén en Primeira División RFEF a vindeira tempada. O adestrador (Viveiro, 1961) reuniuse onte  pola tarde na sede laranxa co presidente e o vicepresidente do club, Manuel Blanco e José Luis Sáez, para formalizar o contrato que o vincula á entidade no exercicio 2013-14.


O ex-preparador do lendario Cefire Burela, co que conseguiu o ascenso á División de Honra en 1998-99, vivirá a súa primeira experiencia no fútbol sala feminino moi ilusionado: “O meu reto e a miña paixón é o fútbol sala; a diferenza é o nivel individual e colectivo; internarme no fútbol sala feminino cun equipo na máxima categoría e co recente historial do dobrete é unha motivación sen precedentes” confesou Quico Otero, que asume a dirección do equipo con afán de superación: “Para min esta nova etapa supón un desafío persoal enorme. O labor tanto de Julián Amarelo coma de Javier Pardeiro foi formidable; esforzareime para igualar e incluso superar as metas anteriores”.


O novo adestrador laranxa tamén ofreceu algunhas pinceladas sobre o proxecto de 2012-13: “Levo varias semanas traballando co presidente na configuración do cadro, que baseará os seus cimentos na continuidade do bloque, coa posibilidade de incluír algún reforzo se así se precisa” explicou o viveirense, puntualizando ademais sobre a filosofía a seguir: “Un equipo debe sustentarse en traballo, grupo, humildade e disciplina. Aquí hai xogadoras que conseguiron unha meta histórica, pero para que eses éxitos non sexan efémeros hai que seguir traballando. A competitividade en todos os compromisos deportivos e a busca dos mellores resultados estarán entre as nosas principais metas”, adiantou o técnico.


Os dirixentes burelistas valoraron a incorporación de Quico Otero, “un profesional cuxa traxectoria está unida á tradición do fútbol sala da Mariña e constitúe todo un referente deste deporte para a comarca tanto nas categorías sénior coma no impulso da base”.


Décadas de dedicación e a dirección do mítico Cefire Burela, A Mariña FS e Puerto Celeiro, cun palmarés repleto de éxitos con lugar privilexiado para un ascenso a Honra e unha Copa Xunta, atesouran o percorrido de Quico Otero no fútbol sala. En 2011-12, o viveirense centrou o labor técnico na escola de base da súa vila natal. O seu último periplo nos bancos, en 2012-13, protagonizouno á fronte do Grupo La Junquera de Vilagarcía de Arousa –xa desaparecido-, en Segunda División B, e na formación de base coa Asociación Deportiva A Mariña FS, abandeirando a selección cadete comarcal, subcampioa galega.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores