Noticias
1 de xullo de 2013
Claudia volve á súa terra para vestir de laranxa

A ala-peche Claudia Rodríguez Teijeiro (Foz, 1984) volve á Mariña para vestir outra vez de laranxa despois do seu paso polo Valladolid FSF en 2012-13.


Na súa presentación oficial, a xogadora amosouse moi ilusionada por esta nova etapa, xunto ao presidente do CD Burela FS Pescados Rubén, Manuel Blanco, e a directiva Alba Vila: “Estou moi contenta, regreso ás orixes, ao meu club. Entre as opcións para 2013-14 tiña o propio Valladolid, equipos de Madrid e outros de Galicia, pero o acordo co Burela FS foi moi doado e fluído; coñezo a dinámica do club e a continuidade de varias compañeiras tamén foi un plus para a miña decisión final”, explicou Claudia, que definiu o seu último ano como “un cambio necesario tanto persoal coma deportivamente, nun equipo onde recibín un excelente trato”.


Claudia tivo palabras de eloxio para a afección burelista no seu regreso: ‘É un luxo contar con esta afección; teño que agradecerlle o seu apoio incondicional. Recibín ánimos o ano pasado cando me fun, na visita a Vista Alegre coa camiseta de Valladolid tamén me sentín moi querida e estes últimos días tamén notei a proximidade dos afeccionados pola rúa”.


Blanco e Vila aplaudiron a reincorporación da que fora a capitá burelista durante catro tempadas. “A dedicación e profesionalidade de Claudia, o seu amor e compromiso polo fútbol sala, son un exemplo para o pasado, presente e futuro deste deporte na Mariña”.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores