Noticias
5 de agosto de 2013
A pretempada do CD Burela FS en detalle

Xogadores, corpo técnico e directiva reuníronse esta tarde na sede do CD Burela FS Pescados Rubén como punto de partida para a preparación da segunda tempada laranxa en Primeira LNFS. Os pupilos de Juanlu tomarán contacto coa pista da bomboneira mañá, coa primeira sesión, ás 10.00 horas.


Juanma, Edu, Christian, Iago Míguez, Matamoros, Mimi e Isi conservan a filosofía dun bloque ao que se incorporan David ‘Burrito’ e Antoñito, do Caja Segovia, e Hugo e Álex, do Santiago Futsal. Tamén se suman á dinámica de pretempada a promesa laranxa Carlitos e o meta do Burela FS B Brais, xunto aos xuvenís Diego ‘Alemán’, da famlia laranxa, e Ismael, do Vilalba FS, e o madrileño Jorge García, que na tempada pasada militou no Andorra e Brihuega.


O cadro mariñán presentarase ante a afección de Vista Alegre o sábado 31 de agosto coa visita do Inter Movistar. Antes haberá moito traballo por diante. O primeiro amigable está programado para o sábado 17, cun torneo benéfico en Vilalba. O venres 23, a vila asturiana de Tapia será o destino para acoller un duelo lugués, entre o Burela FS e o Azkar Lugo. Un día despois, o Memorial Celso Currás de Trabada enfrontará os laranxas co Santiago Futsal nunha cita de tradición para os mariñáns. Composteláns e burelaos volverán verse as caras o xoves 29 no Memorial Coto Ferreiro da Estrada, cuadrangular que tamén reunirá a transportistas e o equipo anfitrión, de Terceira División. O martes 3 de setembro, O Parrulo FS, de Segunda, será o rival dos laranxas en Cedeira. Como peche de pretempada, a capital galega acollerá un cuadrangular os días 6 e 7, no que a escuadra mariñá se medirá a H. Llevant Manacor, Colegios Arenas Gran Canaria e Santiago Futsal.



En clave feminina


As actuais campioas de Liga e Copa de España tamén tiveron esta tarde unha cita co inicio de pretempada, en Vista Alegre, arroupadas pola directiva laranxa. Baixo a tutela de Quico Otero, participaron na primeira sesión Lidia Mesías, Peque, Maite, Lara, Paula, Silvia Rubal, Claudia, Bea Mateos, Jozi e Patri. Marcela incorporarase aos adestramentos nos próximos días.


Antes de enfrontarse ao emocionante desafío da Supercopa (7-14 de setembro), a escuadra laranxa confirmou dous amigables con rivais de Primeira RFEF, Viaxes Amarelle (17 de agosto, A Coruña) e Ponte Ourense (24 de agosto, Memorial Celso Currás de Trabada).


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores